Nace AMAJAZZ, Asociación Mariña Jazz, que se encargará da organización do V Seminario de Jazz e Música Moderna, entre outras actividades que irán programando como jam sessions, master class, información sobre concertos…
O equipo promotor desta asociación convoca a todos os participantes a anteriores edicións do Seminario de Jazz e Música Moderna, así como a todas as persoas interesadas, ao acto de presentación de AMAJAZZ, que se celebrará o vindeiro venres, 4 de maio, ás 20:30 horas, na Sala de Conferencias de Burela (Antiga Biblioteca).
Os promotores explicarán os fins nos que se fundamenta esta asociación sen ánimo de lucro e recollerán todas as ideas e propostas que podan xurdir por parte das persoas asistentes ao acto. Avanzan que os socios e socias beneficiaranse de descontos na matrícula do Seminario de Jazz.
As persoas interesadas poden contactar cos responsables de AMAJAZZ no correo electrónico asociacion.marina.jazz@gmail.com
AMAJAZZ é unha asociación sen ánimo de lucro co simple afán de achegar o Jazz a afeccionados e profesionais da música, entendendo este como un xénero no que se inspiran un grande número de estilos e tendencias musicais. Partindo deste principio, os seus fins principais son:
– Promover o estudo do jazz e a improvisación musical.
– Dinamizar a cultura musical na Mariña
– Potenciar a educación en valores a través da práctica musical grupal.
– Fomentar a dimensión lúdica e social da música.
– Favorecer a participación activa de todos os socios e socias na organización de actividades.