Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros di que o PP non pode tapar as carencias e a irresponsabilidade política da Xunta co servizo de axuda no fogar

O BNG BARREIRENSE CONSIDERA QUE O PP ESTÁ TENTANDO TAPAR AS CARENCIAS E A IRRESPONSABILIDADE POLÍTICA DA XUNTA CO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR. OS NACIONALISTAS DEFINEN AO ALCALDE COMA UN ESPECIALISTA EN VENDER CORTINAS DE FUME E EN DESVIAR A ATENCIÓN PARA FACER VER QUE A CULPA DOS RECORTES REALIZADOS É DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO. ANA ERMIDA SUBLIÑA QUE É A XUNTA A QUE NON CUMPRE COS VECIÑOS.

Barreiros, 31 de mayo de 2012. O BNG asegura que o PP non pode pretender tapar as carencias e a irresponsabilidade política da Xunta co servizo de axuda no fogar. Os nacionalistas din que o alcalde, Alfonso Fuente, é un especialista en vender cortinas de fume e en desviar a atención facendo ver que a culpa dos recortes realizados é doutras institucións coma a Deputación Provincial de Lugo.
Os nacionalistas convidan ás veciñas e aos veciños a asistir ao acto informativo que terá lugar mañá venres ás 20:30 horas no centro sociocultural de San Cosme. Ana Ermida sinala que “é un acto público no que contaremos coa presenza de Montse Porteiro, que é ats no Hospital da Costa, e tamén de Carlos Fraga, que é un coñecido médico barreirense, para falar principalmente dos recortes que está a levar a cabo o goberno do Estado coa complicidade da Xunta en materia sanitaria e social. Uns recortes que tamén lle afectan a Barreiros como parte do estado que recibe cartos ou fondos dos gobernos do Estado e da Xunta, por moito que o alcalde de Barreiros pretenda tapar eses recortes dicindo que non existen”. A portavoz do BNG insiste en que “os recortes da Xunta aféctanlle a Barreiros e Alfonso Fuente é un perfecto especialista en vender cortinas de fume, darlles voltas aos argumentos e desviar a atención botando balóns fora pretendendo facer ver que a responsabilidade é doutras institucións”.
Ermida explica que “no pleno de onte na moción que presentou o BNG para instar á Xunta a que manteña os fondos no servizo de axuda no fogar Alfonso Fuente pretendía incluir unha enmenda descargando esa responsabilidade na Deputación Provincial de Lugo e instando ao compañeiro Antonio Veiga, do que depende a Área de Benestar, a que asuman ese recorte que fai a Xunta. O BNG non pode asumir iso, a Deputación asume o que lle corresponde, de feito é a única institución que ten incrementado fondos para o servizo de axuda no fogar e o que non se pode facer é pretender que as carencias e a irresponsabilidade política da Xunta as teña que tapar outra institución”. Desde o BNG barreirense din que “parece que desde o goberno do PP de Barreiros se pretende que todo o asuma a Deputación Provincial, os socorristas ten que pagalos a Deputación Provincial, os bombeiros tenos que pagar a Deputación, o servizo de axuda no fogar ten que pagalo a Deputación… parace que pensan que nesta institución hai un maquinillo de facer cartos. O que non se pode facer é pretender levar adiante as súas promesas e os seus compromisos a costa das veciñas e dos veciños”. Para Ana Ermida “o que da a entender o PP nos diferentes gobernos nos que está é que non lle importa a xente, fai os recortes que afectan á maioría da sociedade, mentras non ten ningún problema en meter diñeiro público nos bancos”.
Co acto de mañá o que quere o BNG “é informar ás veciñas e aos veciños do que está a suceder, dos costes que teñen este tipo de políticas na nosa vida e cada un que valore o que vexa oportuno. O que non nos vale é que se trate de desviar a atención con argumentos completamente demagóxicos, porque aquí quen está incumprindo coas veciñas e cos veciños é a Xunta e non a Deputación Provincial de Lugo”.

Exit mobile version