Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG considera inaceptable que o PP recorte servizos sociais mentres destina fondos públicos a banca

GUILLERME CONSIDERA “INACEITÁBEL QUE O PP RECORTE SERVIZOS SOCIAIS MENTRES DESTINA FONDOS PÚBLICOS AO SUMIDOIRO DA BANCA”

O portavoz nacional do BNG reuniuse en Burela con representantes de colectivos da sanidade e do ensino afectados polos recortes de Feijoo

Guillerme demándalle á Consellaría de Educación que retire a denuncia contra os estudantes de Ourense que protestaban contra os recortes no ensino

Burela, 31 de maio 2012.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou de “absolumante inaceptábel, que o goberno do PP retire fondos públicos da educación e da sanidade para entregalos, día si e día tamén, aos sumidoiros da banca”.

O portavoz nacional do BNG reuniuse esta mañá en Burela con representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, con colectivos docentes, coa Comisión de Sanidade de Foz e con representantes da Xunta de Persoal do Hospital da Costa, un centro ao que a Consellaría de Sanidade acaba de comunicar que reducirá 25 camas durante o verán, unha época na que a poboación da Mariña se multiplica pola afluencia de turistas.

Guillerme lembrou que o próximo domingo, día 3, haberá en Santiago unha mobilización en defensa dos servizos públicos galegos, en defensa da sanidade e do ensino públicos, “uns servizos -subliñou- que para o BNG son dereitos dos cidadáns e non estamos dispostos a renunciar a eles”.

Neste sentido, denunciou de que “é evidente que a política que está facendo o PP de recortes de gasto social para que eses fondos públicos vaian aos sumidoiros da banca un día si e outro tamén é absolutamente inaceptábel”.

Por iso, insistiu en que “dende o BNG esiximos un cambio de rumbo nunha política que é absolutamente desastrosa”.

Solidariedade cos estudantes de Ourense

Ademais, Guillerme afirmou que “para o BNG non é de recibo a posición que acaba de adoptar a Consellaría de Educación nada menos que levando ao xulgado a estudantes que se mobilizaban en Ourense contra os recortes e a favor de manter o ensino público”.

“Para o BNG non é de recibo -subliñou- que o PP insista en criminalizar a quen protestas contra os recortes, a quen defende os dereitos inalienábeis, ao tempo que non mostra esa intensidade en levar aos xulgados precisamente aos banqueiros que un tras outro acaban por arruinar á maioría da sociedade”.

Por iso, Guillerme asegurou que “a Consellaría de Educación debe reconsiderar esa posición e retirar esa denuncia inmediatamente”.

Exit mobile version