Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros solicita o mantemento do servizo de axuda no fogar por parte da Xunta

O BNG DE BARREIROS LEVARÁ AO PLENO DE MAÑÁ UNHA MOCIÓN NA QUE SOLICITA O MANTEMENTO DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR POR PARTE DA XUNTA. OS NACIONALISTAS ASEGURAN QUE OS RECORTES DO PP TERÁN INCIDENCIA TANTO NOS USUARIOS COMO NOS TRABALLADORES.

Barreiros, 29 de maio de 2012. O BNG de Barreiros levará ao pleno previsto para mañá, 30 de maio, ás 19:30 horas unha moción na que solicita o mantemento do servizo de axuda no fogar por parte da Xunta.

A voceira dos nacionalistas barreirenses, Ana Ermida, explicou que “esta moción enmárcase dentro da campaña que está a realizar o BNG para solicitar o mantemento dos servizos sociais e sanitarios. Entendemos que a crise económica non é a causa pola que deban sofrir recortes as veciñas e os veciños de Barreiros, que xa pagan este servizo cos seus impostos”. Desde o BNG sinalan que “instamos a que o pleno da Corporación solicite da Xunta o mantemento dese servizo, ese gasto por parte da administración galega. A crise non pode xustificar os recortes nos servizos básicos para a cidadanía, sobre todo cando se está a ver que sí hai diñeiro para outro tipo de cuestións coma as bancas privadas, ás que non se dubida en ningún momento en darlles diñeiro público para salvalas”.

Ermida indica que “os gobernos e os poderes públicos teñen que garantir aos cidadáns que poidan acceder ao servizo de axuda no fogar e co novo decreto que sacou a Xunta o pasado 16 de marzo non se a garantir isto para os concellos de menos de 20.000 habitantes. O Concello de Barreiros verá recortado este servizo como consecuencia dos recortes da Xunta e pensamos que non é de recibo, sobre todo porque ademáis da incidencia que ten nos usuarios e nas usuarias do servizos de axuda no fogar tamén ten moita importancia no emprego que hai no noso concello, xa que hai moitas persoas que dependen deste traballo para o seu sustento e para o seu emprego”. O BNG solicítalle “á totalidade dos partidos que formar a Corporación de Barreiros que voten a favor desta moción para solicitarlle á Xunta que siga a manter a totalidade dos servizos sociais nos concellos e que siga contribuindo como o ten feito noutros anos para que os veciños e as veciñas de Barreiros poidan contar cun servizo de axuda no fogar óptimo”. Arredor de 60 maiores se benefician en Barreiros deste servizo no que traballan preto dunha veintena de persoas.

Charla

Ademáis dentro desta campaña que o BNG está a desenvolver sobre os recortes en Barreiros haberá un acto o vindeiro venres, 1 de xuño, ás 20:30 horas no centro sociocultural de San Cosme “no que falaremos dos recortes sociais e sanitarios que está a sofrir a poboación barreirense, como consecuencias dos recortes que están a realizar o goberno da Xunta e o goberno do Estado, ambos do PP”, dixo Ana Ermida. Desde o BNG “convidamos aos veciños e ás veciñas de Barreiros a acudir tanto ao pleno de mañá coma ao acto do vindeiro venres en San Cosme no que contaremos con Montse Porteiro, que é ATS e nos falará dos recortes da sanidade, e con Carlos Fernández, que é médico e tamén tocará este tema que coñece de primeira man”.

Exit mobile version