Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz organiza unha festa da Lingua con xogos, contacontos e musica

Basanta destaca o valor do galego “como idioma que nos é propio e que nos une”

O Polideportivo Campo da Cabana acolle o Domingo 27 unha festa da Lingua con xogos, contacontos e musica.

Foz, a 24 de maio de 2012.- O Polideportivo do Campo da Cabana de Foz acollerá o Domingo 27 de Maio a partir das 16:00 horas a segunda edición da Festa da Lingua que o Bloque Nacionalista Galego organiza nesta localidade coa perspectiva de gañar novos usos sociais para o noso idioma e reivindicar igualdade de dereitos para o galego nun contexto de agresión como o que está a vivir desde a chegada de Feijoo a Xunta de Galiza.

Segundo indicou o Portavoz do BNG, Xoán Carlos González Basanta, “o galego está a perder nos últimos anos un numero importante de falantes, sobre todo entre a poboación máis nova, como consecuencia da situación de desamparo no que se atopa particularmente no eido institucional. A realidade é así de clara, en Galiza a súa lingua propia non ten os mesmos dereitos que o español, esa é a tarefa que temos que enfrontar desde a sociedade porque está en xogo a existencia futura do noso máis prezado patrimonio. Agardamos que actos como o deste Domingo, pensado dun xeito particular para os máis novos contribúan a avanzar na dirección de que o galego gañe novos falantes”.

O Portavoz Municipal do BNG informou que “nesta II Festa da Lingua, está previstas actividades do máis diverso, como actuación de diferentes contacontos, a maioría deles de Foz, xogos infantís, como globoflexia, paracaídas, inchábeis, xogos tradicionais coma bolos, chave ou billarda, un concurso de galeoke, agasallos de camisolas, actuacións musicais, e un pasarrúas pola vila de grupos tradicionais. Asemade desde a organización na perspectiva de achegar aos nenos e as nenas á lectura desde a organización imos agasallar a todos os asistentes con libros infantís en galego dos Bolechas, serie de libros que representa un fenómeno social en Galiza e que demostra que somos quen de producir produtos culturais de calidade e de grande aceptación social”.

Xoán Carlos Basanta destacou que “o galego non só é o idioma que nos é propio senón que é a realidade que nos une, polo que desde aquí queremos convidar aos veciños e veciñas deste Concello a esta xornada lúdica arredor do noso idioma. Queremos que o galego sexa o idioma do lecer, o idioma na que os nosos nenos e nenas sigan a xogar, pero tamén queremos que o noso idioma sexa instrumento de creación e de saber. Tratase en definitiva de darlle unha oportunidade ao idioma que herdamos dos nosos pais, avoas e avós, algo que vai ser posíbel coa presenza de todos e todas alí. O galego non é de ninguén, non sabe de ideoloxía, en definitiva é noso patrimonio común”.

Xa por último o Portavoz Municipal do BNG, insistiu “na necesidade de trasladar a todos os focegos e focegas o convite da Asemblea Local dos nacionalistas a participar desta xornada lúdico cultural, unha xornada que se celebra no mes de Maio, aínda que para nós todos os meses son meses da lingua, unha xornada que se celebra en Primavera, aínda que nos desexamos que todos os meses sexan primaveras para a nosa lingua, en definitiva unha xornada que pretendemos institucionalizar como xeito de esixir igualdade de trato para o galego pero tamén como xeito de demandar novos usos para o noso idioma, particularmente no público xuvenil”.

Exit mobile version