Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo renova a súa dirección

O BNG DE RIBADEO RENOVA A SÚA DIRECCIÓN

Dentro do proceso de renovación de responsabilidades internas que segue a cada Asemblea Nacional do BNG, a Asemblea Local do BNG de Ribadeo vén de proceder á escolla da súa nova dirección.

A principal novidade radica na elección de Xavier Campos, actual concelleiro de Mocidade e Sociedade da Información do Concello de Ribadeo, como novo responsábel local, substituíndo deste xeito a Farruco Graña, que viña exercendo ese cargo nos últimos anos. A escolla produciuse por unanimidade dos presentes na Asemblea Local.

A elección de Campos permitirá manter a coordinación na información e no traballo entre o conxunto da militancia nacionalista de Ribadeo e os representantes institucionais do BNG no Goberno Municipal.

Xavier Campos sinalou a súa vontade de “continuar coa magnífica labor interna que veu desenvolvendo Farruco Graña” ao tempo que explicou o seu convencemento de que “máis que nunca é o tempo da política, da participación e da implicación dos cidadáns na transformación dunha realidade que é preciso cambiar”. O recén eleito responsábel local engadiu asimesmo que o BNG márcase como obxectivo traballar “na defensa do Estado social fronte á ditadura dos mercados, que están a impoñer medidas extremadamente duras e inxustas para o conxunto das maiorías sociais a través da acción de gobernos como os do Partido Popular na Xunta e no Estado”.

No que atinxe á política local, sinalou a vontade do BNG de Ribadeo de manter a súa liña de “diálogo constante con todo o tecido social e político, a proximidade á veciñanza e a vocación de antepoñer sempre os intereses xerais de Ribadeo a calquera outros”.

Exit mobile version