Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Trabada denuncia importantes desperfectos no arranxo das beirarrúas da Nacional 640 ao seu paso pola Ría de Abres

O BNG DE TRABADA DENUNCIA A EXISTENCIA DE DESPERFECTOS NA CONFECCIÓN DAS BEIRARRÚAS DA N.640, AO SEU PASO POLA RÍA DE ABRES.

O BNG de Trabada denuncia a existencia de importantes desperfectos no referente ao arranxo das beirarrúas da Nacional 640 ao seu paso pola Ría de Abres.
A este respecto asegura a concelleira Mª Xosé Fernández ter recibido queixas dalgúns veciños e veciñas que viron como, a consecuencia da confección das citadas beirarrúas, os accesos ás súas fincas e vivendas particulares se modificaron e, nalgúns casos, anularon, sen que dende o Ministerio de Fomento se respectasen os dereitos preexistentes destes veciños/as para acceder ás súas vivendas particulares.
Por mor destas queixas, afirma a devandita concelleira que ven de presentar un escrito no Concello facendo un chamamento ao seu Alcalde, o Sr. Xosé Manuel Yañez Ginzo, para que este tome as medidas pertinentes e inste ao Ministerio correspondinte aos efectos de que, dende o mesmo, se leven a cabo as modificacións oportunas na confección das beirarrúas de referencia.
Non parece procedente en Dereito, sinala a mesma, que dende a Administración e como consecuencia do acometemento de determinadas obras públicas, se obrigue aos veciños a facer fronte a perxuízos económicos, neste caso; traducidos na necesidade de arranxar, á súa costa, os accesos ás súas vivendas particulares.
“De menos recibo semella aínda –remata asegurando a mesma- que os accesos e dereitos preexistentes dos veciños se respecten nuns casos si e noutros non en tanto o deber da administración é, en todo caso, asegurar un trato igualitario respecto a todos os usuarios e usuarias dos servizos e obras públicas.”

Remitido

Exit mobile version