Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro propón nunha moción que a igrexa catolica pague o IBI ou compense ao concello

Bernardo Fraga Galdo, Portavoz Municipal do Grupo Municipal do BNG no Concello de Viveiro ao abeiro do Regulamento municipal da Corporación, presenta a seguinte Moción para o seu debate plenario, relativa á revisión ou compensación do acordo de exención do pagamento do Imposto sobre bens inmóbeis(IBI) por parte da Igrexa Católica.

MOCIÓN RELATIVA Á REVISIÓN OU COMPENSACIÓN POR ACORDO DE EXENCIÓN DO PAGAMENTO DO IBI POR PARTE DA IGREXA CATÓLICA.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

En función dos acordos subscritos entre o Estado español e a Santa Sé en 1979, a Igrexa católica conserva algúns privilexios, entre eles económicos, como estar exenta do pagamento do IBI por todos os bens inmóbeis que posúe.

A Igrexa posúe en Viveiro, un total de 126 propiedades entre os que se inclúen leiras, reitorais, pisos, igrexas, casas, cemiterios, solos sen edificar,etc. Cunha superficie total de 202.330 m2. Trátase de 126 propiedades, que segundo os datos do Catastro, a día de hoxe non tributan no Concello de Viveiro.

A Igrexa conta con 72 bens de natureza urbana, cunha superficie de 61.100 m2, esta exención supón que o Concello deixa de tributar por unha base impoñíbel total de 3,1 millóns de euros cada ano en bens inmobles de natureza urbana. Isto supón que co tipo vixente do imposto, un 0,792, estariamos a falar dun buraco fiscal considerable para as arcas municipais do Concello de Viveiro, estimado en 24.700 euros na totalidade dos bens urbanos da Igrexa Católica.

En canto aos bens de natureza rústica a Igrexa conta cun total de 54 propiedades cunha superficie de 141.230 m2 en propiedade cun valor total de 8.768,91€, co que deixarían de abonar ao concello no correspondente ao IBI un total de 730 euros.

Nun informe de 2010, a Dirección xeral do Catastro daba cifras do patrimonio estritamente relixioso da Igrexa católica en Galiza: 7.691 inmóbeis e un valor catastral de 426 millóns, cantidade que non repercute nos orzamentos municipais, de ningún dos Concellos do noso País.

En Viveiro, polo tanto, deixamos de ingresar máis de 25.000 euros con esta exención, que tal e como se atopa a situación económica, contribuirían ano a ano, a mellorar a situación do Concello de Viveiro, así como os servizos que o noso Concello presta a totalidade das veciñas e veciños de Viveiro.

Por todo isto o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Viveiro, presenta para a súa aprobación o seguinte:

ACORDO

1. O PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE VIVEIRO, INSTA AO GOBERNO DO ESTADO A DEMANDARLLE Á IGREXA CATÓLICA O PAGAMENTO DO IBI, POLOS NUMEROSOS BENS INMÓBEIS QUE POSÚE QUE, EN CASOS COMA O DE VIVEIRO SUPÓN UNHA DISMINUCIÓN CONSIDERABLE NOS INGRESOS MUNICIPAIS, POIS DEIXAMOS DE PERCIBIR 25.000 EUROS ANUAIS POLOS BENS DE USO ECLESIÁSTICO.

2. NA SÚA FALTA, NEGOCIAR COA IGREXA CATÓLICA UNHA COMPENSACIÓN CO CONCELLO DE VIVEIRO, POR ESTAR EXENTA DO PAGAMENTO DO IBI, QUE PODERÍA CONSISTIR NA CESIÓN GRATUÍTA DE BENS INMOBLES ECLESIÁSTICOS QUE ESTÁN DESOCUPADOS OU NA ACHEGA DUNHA CANTIDADE ECONÓMICA EQUIVALENTE.

Exit mobile version