Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia que o PP segue dando pasos adiante no desmantelamento da área Sanitaria da Mariña

O BNG denuncia que o PP segue dando pasos adiante no desmantelamento da área Sanitaria da Mariña, o último co Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS publicado o 18 de maio.

Estúa advirte da definición tendenciosa do texto sobre o modelo de estrutura e xestión das tres áreas sanitarias de Lugo e os calculados intentos de colar pola porta falsa o modelo de xestión integrada.

A Mariña, 23 de maio de 2012. O BNG sumouse hoxe ás denuncias feitas publicas trala publicación o pasado 18 de maio da orde pola que se aproba o Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS na que textualmente inclúese como “xerencias de atención especializada de Lugo” a xestión integral dos recursos do Complexo Hospitalario Xeral-Calde, Hospital Comarcal de Monforte e Hospital da Costa-Burela, correspondentes ás áreas sanitarias de Lugo, Monforte e Cervo. Os nacionalistas acusaron á Xunta de xerar confusión coa redacción desta orde xa que as xerencias ou son propias de cada área ou simplifícase nunha provincial con xestión integrada pero non as dúas cousas á vez. Xoán Antón Estúa, Vice-responsábel Comarcal do BNG, deixou claro que “as mobilizacións sociais na comarca foron quen de parar o Decreto de Xestión Integrada xa aplicado en Pontevedra, Ourense e A Coruña e alertou sobre as intencións da Xunta de intentar meter pola porta de atrás este modelo no que se continúa insistindo mesmamente nesta orde.”

A mobilidade do persoal do SERGAS aberta nesta orde non axuda ao mantemento dos servizos e prestacións sanitarias na Mariña.

No Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS insístese na mobilidade do persoal dun centros hospitalarios a outros e tamén entre áreas sanitarias en función das necesidades asistenciais polo, para o responsábel comarcal nacionalista, “detrás dos profesionais van os servizos e detrás dos servizos os e as doentes”, “non podemos consentir que no canto de mellorar as nosas infraestruturas e servizos sanitarios poidamos perder o que xa temos”,afirmou Estúa.

Confusión e ambigüidade na definición do modelo de xestión na atención especializada en Lugo.

Para o BNG o texto da Orde na que se publica o Plan de RR.HH. do SERGAS é “confuso e tendencioso”, especialmente no apartado dedicado á estrutura do SERGAS e concretamente na definición do modelo de xestión en Lugo para as tres áreas sanitarias existentes. Os nacionalistas entenden que o texto tal e como está redactado cun ámbito de xerencia provincial pode interpretarse como “un intento de colar pola porta de atrás” o traslado de competencias na xestión da Area Sanitaria da Mariña a Lugo, tal como víñamos denunciando fai tempo dende o BNG ou dende a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña. Para Estúa “as xerencias ou son propias de cada área ou simplifícase nun Decreto de Xestión Integrada provincial con xestión centralizada en Lugo pero non as dúas cousas á vez”, o nacionalista insistiu en que o texto é tendencioso e apunta as intencións do goberno do PP, “cunha folla de ruta encamiñada a aplicar na nosa comarca o baleirado de competencias na xestión da área sanitaria xa aprobado noutras comarcas do país.”

Exit mobile version