Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG participa no peche da Plataforma pola Defensa do Ensino Público no IES Monte Castelo en Burela

ANTONIO VEIGA APOIOU O PECHE ESTUDANTIL NO IES MONTE CASTELO CONTRA OS RECORTES DA XUNTA EN EDUCACIÓN

O responsábel do BNG da Mariña criticou que “a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado están a utilizar a crise económica como coartada para levar adiante un ataque sen precedentes contra o conxunto dos servizos públicos, especialmente a sanidade e a educación”

Antonio Veiga explicou que “o BNG sempre vai dar a cara na defensa duns servizos públicos universais, para todos e todas, que vaian no camiño de reducir as desigualdades e non na liña de acrecentalas, coma quere o PP”

Burela, 25 de maio de 2012. Esta tarde o responsábel do BNG da Mariña, Antonio Veiga, apoiou ás persoas das diferentes agrupacións que conforman a Plataforma pola Defensa do Ensino Público, entre as que había representantes dun nutrido grupo de formacións nacionalistas como a CIG-Ensino, Galiza Nova, Comités, no seu peche no IES Monte Castelo, que comezou ás 4 da tarde e se prolongará até as 9 da mañá do día seguinte, e que ten como finalidade reclamar o cese das políticas de recorte en Educación do PP. Tamén apoiaron o peche outros militantes e cargos institucionais e orgánicos do BNG, como Manuel Parga Núñez, deputado no Parlamento Galego.

O responsábel comarcal do BNG criticou que “a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado están a utilizar a crise económica como coartada para levar adiante un ataque sen precedentes contra o conxunto dos servizos públicos, especialmente a sanidade e a educación. As propostas dunha e doutra administración van na dirección de aumentar a fenda xa existente entre a nosa nación e o resto do estado e de xeito moi particular en relación coa UE onde o gasto educativo galego se situaba na cola da Europa a 15 sendo superado nalgúns casos mesmo por países do leste Europeo”.

Antonio Veiga afirmou que “a lei orzamentaria da Xunta de Galiza para 2012 é un exemplo claro, até o punto de que significan unha redución orzamentaria 507 millóns de euros, en relación aos de 2007, 705 millóns en comparación cos de 2008, 133 millóns menos cós de 2009, 127 millóns menos cós de 2010 e 12,6 millóns menos en relación aos do 2011 que xa se viron decrecidos en 175 millóns (8 %) respecto aos de 2010. Así as cousas estes orzamentos provocan en si mesmo en 2012 a amortización de 587 prazas de profesores ás que debemos sumar outras mil que se destruíron no ano anterior como consecuencia da redución dos gastos de funcionamento para educación infantil, primaria e ESO nun 7% nos orzamentos do 2011 e nos do 2012 diminúen medio punto máis. Na educación especial, a redución para o ano 2012 alcanza un 6%, á que hai que sumar o 2,5% producida nos orzamentos do 2011. O niveis educativos de educación infantil, primaria e ESO ven reducidas as súas partidas nun 2,2%, cando xa se lle recortou no 2011 un 6,3%. O mesmo sucede coas outras ensinanzas non universitarias que baixan un 0,7%, en relación ás do ano 2011 que xa minguaran un 7,4%. Non hai dúbida que estamos diante duns orzamentos que non responden ás necesidades que diariamente afloran no sistema educativo galego”

O responsábel do BNG da Mariña foi firme ao asegurar que “todo isto vaise ver agravado pola aprobación por parte do Goberno do Estado RD Lei 14/2012 que avanza no deseño aplicado pola Xunta de Galiza ademais de supor unha clara invasión do ámbito competencial de Galiza. No decreto referido increméntanse as ratios a 30 alumnos/as en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato o que provocará a masificación das aulas, impedirá unha atención personalizada do alumnado e atender as necesidades educativas específicas, e suporá menor calidade do ensino e maior fracaso escolar. Asemade imponse unha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado de 25 horas en Primaria e 20 en Secundaria, o que se traducirá entre outras consecuencias, en que o profesorado terá que impartir materias das que non é especialista, completar horario noutros centros, incrementando as itinerancias, e dificultará a realización doutras funcións necesarias para o funcionamento do centro e para a mellora da calidade do ensino”.

Na mesma liña, o RD Lei 14/2012 elimina o requisito de ofertar dúas modalidades de bacharelato o que ten graves consecuencias na formación do alumando que deberá desprazarse cando non conte na súa localidade coa modalidade de bacharelato que quere cursar, na medida afasta os servizos dos ámbitos non urbanos, detraendo aínda máis poboación ao rural, e reduce o acceso ao ensino superior, pois non todo o alumnado estará en condicións de custearse os desprazamentos, o que incrementará o abandono escolar e dificultará que cursen os estudos desexados. Conforme a orientación sinalada adia a implantación de ciclos de formación profesional o que prexudica gravemente as persoas que, precisamente nun momento de crise económica, buscan unha mellor e máis actualizada formación, entre elas moitas persoas paradas. E xa por último procede a incrementar as taxas universitarias, cunha suba desorbitada, que pode superar o 50% e que se fixará en función do custo das titulacións, achegando o prezo das matrículas ao que hai nas universidades privadas e impedirá que as universidades públicas continúen a cumprir o papel de inclusión e igualdade social.

Por todo isto, Antonio Veiga afirmou que “o BNG defende, como defendeu até o de agora, un ensino público e de calidade que non estea sometido a decisións políticas adoptadas polo PP coa escusa da crise”, e apoia hoxe as reivindicacións da Plataforma pola Defensa do Ensino Público porque “o BNG sempre vai dar a cara na defensa duns servizos públicos universais, para todos e todas, que vaian no camiño de reducir as desigualdades e non na liña de acrecentalas, como pretende o PP na Xunta de Galiza e no goberno do Estado”.

Exit mobile version