Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG rexeita os plans do goberno para establecer unha peaxe nas autovías estatais

O BNG REXEITA FRONTALMENTE OS PLANS DO GOBERNO PARA ESTABELECER UNHA PEAXE NAS AUTOVÍAS ESTATAIS

Antonio Veiga afirma que “impoñer unha peaxe nas autovías implicará unha carga de impostos maior á cidadanía e unha redución da competitividade dos sectores produtivos e a actividade económica na Mariña”

En Galiza, as dúas arterias principais A-6 e A-8 suman máis de 500 km de vías de titularidade estatal que se verían afectadas

Lugo, 3 de maio de 2012. Esta mañá, o grupo provincial do BNG, do que fai parte o deputado e vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, quixo manifestar a súa “preocupación” e expresar o seu “máis absoluto rexeitamento” aos plans gobernativos previstos para o consello de ministros de mañá co que pretenden estabelecer unha peaxe en todas as autovías de titularidade estatal. Segundo explicou Antonio Veiga, “en Galiza, as dúas arterias principais, a A-6 e a A-8, suman máis de 500 km de vías de titularidade estatal, unha boa parte deles sobre todo da Transcantábrica que transcorren pola Mariña, que se verían afectadas por este novo imposto”.

Para Antonio Veiga, “se hai unha área do territorio afectada por esta decisión, esa é Lugo, dado que as dúas principais vías tanto de vertebración interna como de conexión cara o exterior son a A-6 e a A-8, as dúas autovías públicas de titularidade estatal, polo que impoñer unha peaxe nas autovías implicará, para empezar, unha carga de impostos maior á cidadanía, e ademais unha redución da competitividade dos nosos sectores produtivos e da actividade económica na provincia”. Afondando nas consecuencias que terá adopción da medida de instaurar un imposto de peaxe nas autovías públicas para a comarca da Mariña, Veiga sinalou que “afectará claramente aos nosos sectores produtivos, como por exemplo, o transporte do peixe dos portos de Celeiro e Burela, posto que toda a súa viaxe a realiza por autovía (A-6 ou A-8, segundo o destino sexa norte ou sur-meseta), e hai que darse conta que o sector pesqueiro o sétimo sector económico en importancia en Lugo. Ou, na mesma liña, lembremos o caso da alúmina, xa que para o material chegar ás plantas de transformación de aluminio primario o transporte realízase a través da A-6 e A-8, e atendendo ás cifras hai que destacar que é o primeiro sector en importancia por volume de negocio na provincia”.

Ante isto, Antonio Veiga afirmou que “o noso grupo do BNG non pode amosar máis que o absoluto rexeitamento a esta medida inxusta e que golpea directamente, ademais da cidadanía, ao sector do transporte, que xa se vira duramente agravado pola crise e o descenso da actividade económica, e especialmente pola suba de carburantes, e no que existen moitos empregados autónomos sobre os que está a repercutir especialmente a grave situación económica e os recortes nas prestacións e nos servizos sociais que impón o goberno do PP”.

Por último, “hai que ter en conta que esta decisión de estabelecer un peaxe nas autovías públicas vai ter unha repercusión negativa no sector do turismo, moi importante e estratéxico para Lugo, xa que nos separa dos nosos potenciais turistas maioritarios por estrada, que lembremos que son os procedentes do País Vasco e de Madrid” – indicou Antonio Veiga.

Remitido

Exit mobile version