-O comité reunirase de forma trimestral para abordar todas as cuestións relativas á seguridade dos traballadores
-Na xuntanza tamén se ratificou a renovación dos membros do comité
Cervo, 3 de maio de 2012-O Comité de seguridade e saúde do Concello de Cervo reuniuse esta mañá nunha xuntanza extraordinaria na que todos os membros aprobaron o Plan de prevención de riscos laborais de varios centros de traballo municipais. A empresa encargada da prevención presentou toda a documentación relativa a dito plan de prevención así como a revisión de avaliación de riscos e as medidas a adoptar en cada caso.
Despois da aprobación por unanimidade, o documento será trasladado á Xunta de Goberno Local para que lle dea o visto e prace. Unha reunión na que tamén se aprobou a renovación dos compoñentes do Comité de seguridade e saúde, formado por 3 representantes do Concello e 3 representantes dos traballadores.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, explicou tras a xuntanza que o comité de seguridade e saúde reunirase con periodicidade trimestral. “Salvagardar a seguridade dos traballadores do Concello é unha prioridade para o grupo de goberno” asegura o mandatario cervense “e as reunións do comité resultan moi útiles para poñer enriba da mesa todas as cuestións relativas á seguridade e á saúde dos empregados para deste xeito, corrixir e mellorar todo o que sexa necesario para garantir unhas óptimas condicións de traballo” remata o rexedor.
Remitido