Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo asegura que o xulgado nega a existencia de prevaricación nas obras do Camiño do Tellado

O xuíz considera que non houbo delito de prevaricación administrativa nas obras de saneamento do Camiño do Tellado

Cervo, 24 de maio de 2012-O xuíz do Xulgado de Instrución nº1 de Viveiro vén de ditar un auto no que nega a existencia de delito de prevaricación administrativa nas obras de saneamento do Camiño do Tellado, executadas polo Concello. Deste xeito, o xuíz considera que as tres persoas que estaban imputadas, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e dous funcionarios municipais, non realizaron ningunha actuación que sexa considerada delito. En consecuencia, o maxistrado decreta o sobresemento provisional da causa e o arquivo das actuacións e, polo tanto, o cese da instrución.

Con este auto finaliza o procedemento iniciado por uns veciños de Espiñerido contra o rexedor e os funcionarios. A polémica xurdía cando o Concello estaba executando unhas obras de saneamento nesa mesma parroquia. Nun momento determinado dos traballos, os operarios actuaron no Camiño do Tellado, que segundo a versión dos denunciantes, era da súa propiedade. Foi entón cando interpuxeron unha denuncia, acusando ao alcalde e aos dous funcionarios dun delito de prevaricación administrativa.

Despois de practicarse as dilixencias oportunas, o xuíz ditou o seu auto, no que di textualmente que “no aparece debidamente justificada la perpetración del delito que ha dado motivo a la formación de la causa” polo que “se decreta el sobreseimiento provisional de la causa, procediéndose al archivo de estas actuaciones”.

Pola súa parte a Fiscal, no seu informe, explica detalladamente os motivos que levan a determinar que non se cometeu delito. Por unha banda fai referencia ás características da vía, asegurando textualmente que “el camino en cuestión presenta unas características físicas que a cualquiera llevarían a la impresión de que se trata de un camino público, y concretamente a la continuación de un camino que indudablemente tiene tal condición”. Ao redor deste tema, engade que ademais “constan las manifestaciones de muchos vecinos que afirman la condición de público, por lo tanto puede ser razonable decir que existe, cuando menos, una presunción de dominio público del mismo”. Para a Fiscal, estas manifestacións excluirían a actuación dos imputados de calquera fraude.

A Fiscal especifica que o obxectivo da causa non é determinar de quen é propiedade o camiño, senón a existencia ou non dun delito de prevaricación administrativa, trala denuncia dos veciños de Espiñerido. Porén, explica que non puido existir prevaricación por parte dos imputados por varios motivos que si están relacionados coa titularidade da vía. Pártese da base de que o camiño se atopa no Rexistro da Propiedade a nome dos veciños denunciantes. Aínda así, a Fiscal asegura que que un ben estea inscrito no Rexistro da Propiedade non significa que perda a súa condición pública. “Los bienes de dominio público han accedido en numerosas ocasiones al Registro de la Propiedad a nombre de particulares, hecho que no les hace perder su condición [de ben público]” explica a Fiscal.

Do mesmo xeito, que o camiño non apareza no Inventario de camiños públicos do Concello tampouco implica que ese ben non sexa de dominio público, tal e como consta no informe da Fiscal, textualmente “el Inventario Municipal, es un mero registro administrativo que, por sí solo, no prueba ni crea derecho alguno”.

Exit mobile version