Uns 45 xubilados visitarán o sábado a Cidade da Cultura de Santiago
-Un autobús sairá de Cervo ás 8:00 horas con destino ao Gaiás
-A excursión inclúese no programa complementario do Día do Xubilado
Cervo, 10 de maio de 2012-Unhas 45 persoas xubiladas participarán este sábado na excursión organizada pola Concellería de Servizos Sociais á Cidade da Cultura de Santiago. Trátase dunha das dúas visitas que se inclúen dentro do programa complementario do Día do Xubilado.
A viaxe ata a capital galega realizarase nun autobús, que sairá ás 8:00 horas da Casa do Concello de Cervo e que tamén fará parada en San Ciprián, dende onde partirá con destino á construción arquitectónica deseñada por Eisenman e situada no monte Gaiás. Durante a ruta está prevista unha parada de descanso na área de servizo de Guitiriz.
Unha vez na Cidade da Cultura as persoas participantes na visita poderán percorrer por libre os distintos edificios que conforman este complexo ata a hora da comida, prevista para as 14:30.
Esta é a primeira das excursións preparadas ao redor do Día do Xubilado. A segunda visita será á Semana Verde de Silleda, o 16 de xuño. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto entre o 28 de maio e o 8 de xuño na Casa da Cultura de San Ciprián. “Estas saídas resultan moi satisfactorias para os maiores, xa que son un acto máis de convivencia e de encontro para eles” explica a edil de Servizos Sociais, Tania González.