Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo e o Burela Fútbol Sala colaborarán no fomento do deporte entre a mocidade

O Concello de Cervo e o Burela Fútbol Sala colaborarán no fomento do deporte entre a mocidade

-Os membros do primeiro equipo ofrecerán charlas nos centros de ensino cervenses sobre a prevencións de lesións ou a realidade diaria do deporte de elite

-Potenciarase a realización de competicións entre as escolas deportivas de ambas institucións

Cervo, 18 de maio de 2012-O Concello de Cervo e o Club Deportivo Burela Fútbol Sala veñen de asinar un convenio de colaboración para traballar xuntos na potenciación da práctica de deporte entre os mozos e mozas cervenses. O edil de Deportes, José Ramén Soto e o presidente do Burela F.S, José Ramón González, foron os encargados de formalizar dito convenio coas súas sinaturas nun acto no que tamén estivo presente o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

O documento establece unha base de traballo conxunto entre ambas institucións co obxectivo único de “animar á mocidade a facer deporte como actividade imprescindible para unha vida sa e saudable” asegura Soto. “Dende o Concello estamos moi satisfeitos de poder contar coa colaboración do Club Deportivo Burela Fútbol Sala, co que vimos mantendo unhas excelentes relacións” engade o edil.

Entre as liñas de colaboración previstas no convenio destacan as actividades impartidas polos membros do primeiro equipo do Burela F.S, como charlas nos centros de ensino de Cervo sobre a realidade diaria do deporte de elite ou a prevención de lesións e práctica deportiva saudable. Tamén se contempla no convenio a organización de partidos ou torneos amigables entre as escolas deportivas municipais e as do Club Deportivo Burela F.S. para que posibiliten a adquisición de costumes saudables e habilidades no xogo. Por outra banda o Concello cederá as instalacións municipais para a práctica deportiva previa solicitude do Club.

“Un dos puntos fortes desta colaboración é a creación dun entorno de traballo moi positivo para os nenos e nenas, que coñecerán de preto aos deportistas, escoitarán as súas experiencias e ademais participarán nas actividades, sentíndose eles mesmos os protagonistas” remata José Ramón Soto.

Exit mobile version