Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo presenta a programación do Maio Cultural con música, teatro, cine

O Concello presenta a programación do Maio Cultural que comeza esta fin de semana

-O programa inclúe música, teatro, cine e lírica; e aposta pola cultura de produción local e comarcal

Cervo, 4 de maio de 2012-O Concello de Cervo deu a coñecer as actividades e iniciativas culturais programadas para este mes. O Maio Cultural inclúe un bo número de actos e eventos de temática variada e de distintas vertentes do arte, dende a música, o teatro, a lírica ou o cine, que se desenvolverá durante as fins de semana do mes de maio e terá como escenario o Auditorio da Casa da Cultura de San Ciprián.

O Maio Cultural arrincará este sábado, ás 21:00 horas, coa actuación musical de Anaís Anidos Molina, unha rapaza de San Ciprián de 8 anos de idade. Entre os temas que interpretará atópase unha canción dedicada aos avós e ás avoas. Acto seguido será a quenda da Coral Terramar, de San Ciprián; e ao remate proxectarase a curta “Focegos por amor” de Francisco Piñeiro, unha historia de amor tráxica entre dous mozos que atopan numerosos atrancos para vivir a súa relación nunha época convulsa.

O programa continúa o venres 11 de maio ás 20:00 horas, un día no que predominarán a música e a lírica. O primeiro en actuar será o coro do Conservatorio de Viveiro, seguido do grupo de corda do mesmo centro. Os actos para este día rematarán cunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro consistente nunha lectura pública dos seus poemas para conmemorar o centenario do nacemento do escritor

O sábado 19 de maio o protagonismo será para o teatro, coa representación ás 20:30 horas da obra “Fume de carozo”, da agrupación O Bordelo de Cervo. O programa pecharase o 26 de maio, ás 20:30 horas, coa obra “Nécoras verdes” posta en escena pola agrupación teatral Ardora.

Esta programación cultural coincide coa celebración neste mes de maio do Día das Letras Galegas, unha data “que quixemos conmemorar cunha programación especial que inclúe actividades durante todo o mes” explica a edil de Cultura, Tania González. A concelleira destacou ademais “a marcada presenza local e mariñá” no programa “co obxectivo de potenciar a cultura feita pola nosa veciñanza con esforzo e dedicación e así darlles un espazo onde amosar o seu traballo” remata González.

Exit mobile version