Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribado colocará novas marquesiñas en varias parroquias

O CONCELLO COLOCARÁ NOVAS MARQUESIÑAS EN VARIAS PARROQUIAS AO LONGO DOS VINDEIROS MESES. FERNANDO SUÁREZ AGARDA QUE “NUN PERÍODO CORTO OU MEDIO DE TEMPO ESTE PROBLEMA ESTEA RESOLTO EN TODO O TERMO MUNICIPAL”.

Ribadeo, 9 de maio de 2012. O Concello colocará novas marquesiñas en varias parroquias ao longo dos vindeiros tempos, segundo anunciaba esta tarde o alcalde, Fernando Suárez. O rexedor quere respostar así á polémica suscitada nas últimas horas con UPRI sobre unha marquesiña.

Suárez Barcia asegurou que “son frecuentes as demandas que diferentes persoas e asociacións de veciños nos fan chegar. Hai poucos meses colocamos varias marquesiñas, unha á que eu me referín nas últimas horas foi á da parroquia de Vilaframil, cerca do empalme de Rinlo. Hai uns meses o Concello puxo unha marquesiña alí na estrada xeral e o vento levantóuna e estropeóuna toda. Temos que nos vindeiros tempos poñer unha nova, pero estamos a falar de marquesiñas que costan uns 3.000 euros cada unha”.

O alcalde explicou que “nos vindeiros tempos temos que colocar novas marquesiñas en varios puntos como Vilaosende, Porto, Devesa, Pastoriza e repoñer ésta en Vilaframil. Pero teño que dicir que non temos capacidade, nin nós, nin este Concello, nin ningún outro para poñer todas as marquesiñas á vez. Temos que ir por tandas, e imos poñer as que xa estaban demandadas con anterioride, pero non con anterioridade a quince ou vinte días”. Fernando Suárez insistiu “na dificultade ecónomica que supón a instalación de marquesiñas novas, porque non son de chapa como as que se poñían hai 20 ou 30 anos e isto fai que non poidamos colocar 20 de golpe, senón que teremos que ir con tres ou catro de cada vez. Desde a brigada municipal de obras estes días están poñendo as bases dalgunhas delas que, insisto, non serán todas as que se necesitan, pero imos pouco a pouco para ver si nun período corto ou medio de tempo este problema pode estar resolto definitivamente, non nunha parroquia concreta senón en todo o termo municipal”.

Exit mobile version