Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello entrega medallas aos equipos de fútbol de Cervo e San Cibrao polos seus ascensos de categoría


O Concello homenaxea aos equipos de fútbol de Cervo e San Ciprián polos seus recentes ascensos

-O alcalde e o edil de Deportes fixeron entrega de medallas aos xogadores e adestradores de ambos equipos

-A recepción tivo como obxectivo recoñecer publicamente o esforzo de ambos clubs e os bos resultados que lles permitiron subir de categoría

Cervo,11 de maio de 2012-O goberno de Cervo recibiu esta tarde no salón de actos do Concello aos compoñentes dos equipos de fútbol locais, o S.D. Cervo e o C.D. San Ciprián. Unha recepción coa que o executivo quixo facer un recoñecemento público a ambos clubs deportivos polos respectivos ascensos acadados recentemente. O alcalde, Alfonso Villares e o edil de Deportes, José Ramón Soto, foron os encargados de facer entrega das medallas aos xogadores e adestradores de ambos equipos nun acto aberto ao público no que tamén estiveron presentes representantes das directivas dos clubs.

No caso do S.D. Cervo, o club deixa a 2º Autonómica e volve a 1º, un ascenso de categoría que conseguían no último encontro da Liga xogado contra o Iberia despois de manterse durante a meirande parte da temporada nos primeiros postos da táboa e incluso permanecendo no primeiro posto durante 4 xornadas consecutivas; mentres o C.D. San Ciprián recupera o seu oco en 2º Autonómica despois de quedar primeiro na clasificación final e manterse inamovible no primeiro posto dende a xornada número 11 ata o remate da Liga.

A recepción foi un acto emotivo no que Villares e Soto lles transmitiron os seus parabéns a senllos equipos de fútbol local, desexándolles ao mesmo tempo que as súas respectivas traxectorias deportivas sigan igual de exitosas. “Quixemos expresarlles as nosas felicitacións a todas as persoas que con esforzo e ilusión conseguiron os merecidos ascensos, dende os xogadores, os adestradores, e as directivas” asegura o alcalde. O rexedor tamén quixo “desexarlles o mellor aos dous equipos na seguinte temporada, agardando que continúen nesta senda de vitorias ás que tamén contribúe unha afección que vibra en cada encontro” remata o mandatario cervense.

Exit mobile version