O Fondo Galego destina 50.000 euros a proxectos dos axentes galegos de cooperación no Sur
– O prazo para a presentación de solicitudes esténdese desde hoxe ata o 22 de xuño e a subvención ascenderá a un máximo de 20.000 euros por proposta
– A convocatoria pretende contribuír ao fortalecemento do sistema galego de cooperación e priorizará países como Cabo Verde, Nicaragua, Cuba ou Perú
As accións executaranse en zonas cun índice de desenvolvemento humano (IDH) medio, baixo ou moi baixo, tendo preferencia os países prioritarios para o Fondo Galego (Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú) e a lusofonía. Deberán ademais favorecer a participación da poboación beneficiaria e procurar un desenvolvemento sostible, a través da transformación social. A loita contra a pobreza, a equidade de xénero e o respecto medioambiental serán eixos transversais a ter en conta, canda o enfoque de Dereitos Humanos. Tamén se valorará que o sector de actuación estea directamente vinculado ao eido local.
Unha comisión técnica constituída por representantes de diferentes Deputacións e Concellos avaliará as propostas, aínda que será a Asemblea de socios quen aprobe a resolución da Comisión Executiva. A subvención será de ata 20.000 euros por proxecto e a decisión final publicarase nas webs do Fondo Galego de Cooperación e da Federación Galega de Municipios e Provincias. As bases da convocatoria, redactadas tras escoitar as propostas das ONGD no Consello Municipalista da Cooperación, están dispoñibles en www.fondogalego.org.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.