O futuro do naval
Por outra banda, case en paralelo, Xunta e Goberno Central anunciaban publicamente a remisión a Bruxelas dunha alternativa ‘definitiva’ ao tax lease. Apenas nada ten transcendido agás que se trataría dun paquete de medidas deseñado para esquivar o bloqueo comunitario e que suporía a modificación do imposto de sociedades. O novo tax lease español non requiriría do plácet da UE, segundo afirmaron desde Madrid, e podería entrar en vigor en poucos meses.
Achámonos perante a solución dos graves problemas que afectaban, e afectan, ao sector naval galego? Non. Como moito ambos anuncios, de se verificar definitivamente, contribuirán a desbloquear a contratación. Persisten algúns interrogantes importantes. Como o do financiamento, hoxe máis complexo e difícil por mor do espolio do aforro galego coa bancarización das caixas e a ausencia dunha banca pública galega.
Non se pode perder de vista tampouco a responsabilidade empresarial nesta situación. Hai ben poucos anos os estaleiros rexistraban unha importante carga de traballo. Porén, os beneficios pareceron esvaerse -resultado da súa máis que discutíbel xestión- e afundiron boa parte da industria auxiliar, por mor da falla nos pagamentos. Tampouco podemos obviar que non se resolve a situación do sector en Ferrol-Terra, dado que se mantén o inxusto veto da UE que impide a construción naval civil nesa bisbarra.
O conselleiro Javier Guerra preguntábase cinicamente hai uns dúas que máis podía facer a Xunta polo sector. A resposta é ben doada. O primeiro, para empezar, é que o goberno galego exerza de tal asumindo o seu papel e responsabilidade na tarefa de avanzar cara unha economía autocentrada. E iso esixe actuar de xeito decidido para desenvolver as nosas potencialidades produtivas, non só exercer de mero axente comercial cara a galería.
Nin o contrato con PEMEX nin o novo tax lease son garantía de futuro para un sector produtivo chave para o noso país. A iniciativa empresarial privada tense demostrado incapaz de o consolidar e afianzar, a pesar da inxente bonificación fiscal para aseguraren os seus gaños. Faise ineludíbel e urxente o despregue de políticas públicas activas para o desenvolvemento produtivo do sector, no marco dunha planificación estratéxica que remate coa agonía industrial do noso país. Se cadra é oportuno, por exemplo, abordármonos a posibilidade dun consorcio público, ou mixto, que supere o modelo fracasado do clúster empresarial privado para impulsar o desenvolvemento do naval galego.