Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo anuncia o mantemento das instalacións deportivas de Rio Covo

O Concello prepara as instalacións deportivas de Río Covo de cara ao verán

-Os traballos de mantemento inclúen a limpeza e mellora dos equipamentos

-Esta actuación enmárcase na liña de fomento do deporte como obxectivo prioritario de goberno

Cervo, 4 de maio de 2012-O Concello de Cervo leva varias semanas traballando na preparación das instalacións deportivas de Río Covo, en San Ciprián, co obxectivo de telas en bo estado para a práctica do deporte de cara aos meses do verán. Operarios da brigada municipal de obras son os encargados de realizar as tarefas de mellora, limpeza e mantemento deste complexo único en toda a Mariña polo seu amplo equipamento, que inclúe dúas pistas de tenis, dúas de squash, unha pista polideportiva e piscinas exteriores, en funcionamento na época estival.

As tarefas que se están desenvolvendo consisten na limpeza das pistas, a preparacións dos vasos e a substitución de parte do valado. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Deportes, José Ramón Soto, achegáronse esta mañá ata a zona para comprobar o avance dos traballos nunhas instalacións que son propiedade da Asociación de Veciños de Río Covo e que foron cedidas ao Concello para a súa xestión a través dun convenio.

“Estamos poñendo a punto estas instalacións para que estean dispoñibles durante os meses de verán e a veciñanza e os visitantes podan gozar delas practicando deporte nun complexo moi ben equipado e que ofrece numerosas posibilidades” explica o alcalde. “Dende o goberno local animamos á poboación a acudir tanto a estas instalacións como a todas aquelas que conforman a oferta deportiva do Concello” engade Villares. O mandatario cervense explica que “o fomento da práctica do deporte é unha prioridade na nosa acción de goberno, tanto co mantemento de todas as instalacións das que dispón o municipio, como co noso apoio ás entidades deportivas ou coa aposta polas Escola Deportivas para a potenciación da actividade física principalmente entre os máis novos” remata o rexedor.

Exit mobile version