Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo considera que o decreto de Servizos Sociais é unha herdanza do bipartito

O goberno de Cervo lémbralle ao asesor do BNG na Deputación que o decreto de Servizos Sociais é unha herdanza do bipartito

Cervo, 1 de maio de 2012-O goberno local de Cervo manifestou que as críticas do asesor do BNG na Deputación, Xosé Antón Estúa son “unha burla á intelixencia”, en palabras da edil de Servizos Sociais, Tania González. A concelleira asegurou que “resulta incrible que o asesor do BNG na Deputación critique o decreto de Servizos Sociais comunitarios” cando dito decreto “desenvolve unha lei aprobada na época do goberno bipartito na Xunta”, o cal para a edil só pode significar “ou ben que o señor Estúa só ten memoria para o que lle interesa, ou que el é o rei da hipocrisía”.

Ademais Gozález lembroulle ao asesor do BNG na Deputación a parte de responsabilidade que lles corresponde aos nacionalistas “pola situación económica que vive o Estado”. A edil de Servizos Sociais recomendoulle a Estúa que “faga memoria e lembre todos os anos nos que o BNG apoiou os orzamentos de Zapatero, unhas contas que nos levaron a unha conxuntura nefasta e da que só se pode saír con reformas”. A edil lamentou que “sempre fala o que máis ten que calar”.

Tania González tamén cualificou de “contraditoria” a postura do asesor nacionalista sobre o papel das deputacións. “Semella que o señor Estúa non entendeu que á Deputación compételle apoiar economicamente a prestación dos servizos sociais de Galicia, tal e como establece o decreto 99/2012, decreto para o que os nacionalistas asentaron as bases durante o bipartito” asegura González. “Sempre están cuestionando a utilidade das deputacións”, engade a edil, “pero agora é o momento de que cumpran co seu deber e fagan o investimento que lles corresponde” engade a concelleira, “e agardamos que na súa colaboración e achega aos servizos sociais poñan o mesmo empeño e afán que lle dedican ao programa Km0, que nos últimos anos se converteu na bandeira da Deputación” remata a edil.

Exit mobile version