Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio lanza unha campaña a prol da igualdade de xénero a través das servilletas do Ribadeo de Tapeo

O Observatorio lanza unha campaña a prol da igualdade de xénero a través das servilletas do Ribadeo de Tapeo

DesTAPA a Igualdade. Porque así gañamos tod@s

O Observatorio da Mariña pola Igualdade aproveitará a VII edición do concurso de tapas “Ribadeo de Tapeo”, que se celebrará entre o 18 e o 27 de maio, para facer unha campaña a prol da igualdade de xénero na vila. Para elo, repartirá 140.000 servilletas co lema “desTAPA a igualdade. Porque así gañamos tod@s” entres os 51 bares participantes no concurso coa fin de que, durante os días que dure o tapeo, sexan utilizadas por toda a xente que se anime a degustar as distintas tapas.

Con esta iniciativa o Observatorio pretende apostar pola igualdade de xénero en todos os aspectos da vida, incluídos os momentos de ocio, e facer fincapé en que coa igualdade gañamos tod@s, mulleres e homes. É fundamental que a cidadanía tome conciencia de que a pesares de que exista unha igualdade formal, refrendada nas leis, é necesario seguir a loitar por unha igualdade real, por unha sociedade máis xusta e igualitaria na que homes e mulleres teñan os mesmos dereitos e deberes. É por iso que as servilletas deste ano do Ribadeo de Tapeo invitarán á xente a desTAPAR a igualdade, facela visible, compartila e gozala.

Asímesmo, o Observatorio invita a todas as persoas a cociñar a receita da igualdade que se poderá atopar no libriño editado coas distintas tapas e locais participantes. A receita, para estes días de cañas, viños, cociña e tapeo, é moi sinxela:

“Na nosa ensalada propoñemos ideas frescas, materia prima sensible e trato humano, agarimoso e respectuoso. Desbotar o sexismo e a violencia para, no canto, poñer boas doses de educación, xustiza e convivencia. Garantimos boa saúde, de corpo e alma. Porque séndomos diferentes, mulleres e homes, somos iguais como persoas. Cos mesmos dereitos, deberes e posibilidades de desenvolvemento. Iso queremos cociñar, con todas e todos vós. DesTAPEMOS a igualdade!”

Exit mobile version