O Plan de Emerxencias do encoro de Río Covo atópase na fase de implantación e información á veciñanza
-Responsables da Dirección Xeral de Emerxencias e de Alcoa reuníronse co alcalde de Cervo e técnicos municipais para explicar a situación actual do plan e as actuacións contempladas para a súa implantación
-Está prevista a instalación de sirenas de aviso á poboación e a programación de simulacros de evacuación
O Plan de Emerxencias de Río Covo atópase nestes momentos na última fase, a de implantación, na que se que inclúen todas aquelas actuacións necesarias para a activación do plan e a súa execución en caso de producirse unha emerxencia. En concreto, a implantación consiste na instalación de sirenas de aviso á poboación, en informar a toda a veciñanza que poda resultar afectada sobre como reaccionar e como actuar ante unha situación de risco e como interpretar os sinais acústicos das sirenas, así como na realización de simulacros de evacuación nos que participará a poboación que resida nas zonas máis próximas ao encoro.
A reunión de hoxe tamén foi útil para que Alcoa e todas as administracións e entidades implicadas intercambien información co obxectivo de optimizar ao máximo a implantación do plan de emerxencias, poñendo en común as posibles ubicacións para as sirenas e coordinando as tarefas de información á poboación.
Dito Plan de Emerxencias é un documento moi rigoroso que inclúe toda a información necesaria e as medidas que permitirán abordar unha hipotética emerxencia, que no caso do encoro de Río Covo, podería responder ou ben a unha rotura ou ben a un desbordamento. Nel descríbese con minuciosidade todo o protocolo de actuación, e están definidas as funcións de cada un dos grupos operativos e establecidos os seus respectivos xefes, polo que Policía Local, Protección Civil, Bombeiros e todos aqueles corpos implicados na emerxencia xa coñecen os traballos que deben desenvolver e están coordinados para afrontar a posible situación de risco. No plan fíxanse tamén os primeiros puntos de evacuación, os albergues que serían habilitados en caso de necesidade, están calculados os tempos de reacción, contemplados todos os teléfonos das persoas afectadas segundo a súa zona de residencia e toda aquela información imprescindible para que a poboación estea a salvo.
Alfonso Villares destacou a importancia de contar con este Plan de Emerxencias e de implantalo “xa que se trata dun documento completo que permite garantir a seguridade de toda a poboación en caso de producirse unha emerxencia no encoro”. De todos os xeitos, o rexedor quixo lembrar que se trata dunha medida “preventiva” que constitúe unha “obriga por parte da empresa segundo a lexislación”, o cal non significa “que exista ningún perigo”. Polo tanto, Villares asegura que “a poboación pode estar tranquila por un dobre motivo; por unha banda, a infraestrutura do encoro é segura; e por outra, a implantación do Plan de Emerxencias dános máis confianza xa que, no caso hipotético de que haxa unha emerxencia, saberemos como actuar e como afrontar a situación, garantindo que non exista ningún incidente”.