Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afirma que alcalde de Ribadeo segue sen amosarse disposto a asumir a axuda no fogar dos usuarios non dependentes

O ALCALDE DE RIBADEO SEGUE SEN AMOSARSE DISPOSTO A ASUMIR A AXUDA NO FOGAR DOS USUARIOS NON DEPENDENTES

O Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, manifestou de novo que non sabe qué pasará coa atención domiciliaria a aquelas persoas que non están recoñecidas como dependentes.

O BNG de Ribadeo está a seguir a liña que diseñara o Delegado de Servizos Sociais na Deputación, Antonio Veiga, nas pasadas semanas de esquivar a responsabilidade do Concello e da Deputación sobre o Servizo de Axuda no Fogar para as persoas non dependentes.

No ano 2.008, cando o bipartito gobernaba na Xunta de Galicia, sendo Conselleiro de Benestar o Sr. Anxo Quintana (BNG), promoveron e aprobaron grazas á súa maioría a Lei 13/2008 de Servizos Sociais que relaciona o servizo de axuda no fogar como un “servizo social comunitario básico”, establece entre as competencias dos concellos “a xestión e mantemento dos servizos sociais comunitarios básicos” e estipula que as “Deputacións Provinciais proporcionarán asistencia económica, técnica e xurídica ós concellos na execución das súas competencias en materia de servizos sociais” (artigos 11, 60 e 63 respectivamente da Lei).

Este é, polo tanto, o marco que establece a súa obriga de atender este servizo e que tratan agora de esquivar arremetendo contra o PP nos medios de comunicación e presentando mocións nos plenos para que se derrogue o decreto sobre financiamento dos servizos sociais que van a traspoñer o que eles estableceron na súa Lei.

A Xunta de Galicia, xunto co goberno de España financian a asistencia domiciliaria para aqueles usuarios recoñecidos como dependentes tal e como lles corresponde por lei. Ademais, a Xunta ven asistindo a concellos e deputacións con achegas para colaborar na axuda a domicilio de competencia local e así continuará a facelo en tanto lle sexa posible. Pero, para establecer este apoio económico, a Consellería de Traballo asina convenios ó efecto coas deputacións, resultando imposible no caso de Lugo porque hasta en tres ocasións o Sr. Veiga foi convocado a para este asunto e non se presentou ás reunións.

A finais da pasada semana, a pesares de que o BNG siga desinformando sobre o asunto, a Deputación rectificou e, cancelando unha obra nun concello gobernado polo PP, adxudicou o diñeiro para este fin social. Pero no caso de Ribadeo, o que sabemos ata o de agora é que o Alcalde fixo unhas manifestacións públicas afirmando que a solución era prescindir do servizo, cobrar máis ós usuarios ou recortar de outros servizos. No pleno do Luns, lonxe de desmentir esta afirmación deixou de novo no aire o futuro da asistencia a domicilio dos non dependentes ribadenses limitándose a cargar indiscriminadamente contra o PP. Mentres, o concello ven de contratar 4 operarios de medio ambiente, un técnico de cultura e un técnico de medio ambiente.

Desde o Grupo Municipal do PP de Ribadeo pregámoslle ó Alcalde que recapacite, que rectifique e que prescinda de servizos como a súa Secretaría persoal, o gabinete de prensa ou outros moitos que resultan moi cómodos para o goberno municipal pero pouco produtivos para os que necesitan atención social.

Exit mobile version