Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP interesase pola localización de novas granxas acuícolas no polígono industrial de Cuiña, en Cervo

Á Mesa do Parlamento

José Manuel Balseiro Orol, Marisol Piñeiro Martínez, Encarna González Montemuiño, Rosa Oubiña Solla, Gema Freire Insua, Marta Valcárcel Gómez e Fátima Iglesias Pereira deputado e deputadas do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara presentan, ante esa mesa, a seguinte pregunta para a súa resposta Oral en Comisión

O 9 de febreiro de 2012 o Consello da Xunta aprobaba inicialmente o novo Plan de Acuicultura do Litoral. No visor web disposto pola Consellería de Medio Rural e Mar podemos comprobar como o polígono industrial de Cuiña, en Cervo (Lugo) forma parte dos emprazamentos autorizados dentro do nivel 1 e 2 do novo plan acuícola, o que permitira situar de inmediato a instalación de novas granxas acuícolas cumprindo unha xeira de parámetros de avaliación ambiental e integración paisaxística.

O Goberno do Partido Popular corrixe con esta posibilidade unha decisión do anterior Executivo bipartito que deixou fóra ao Polígono de Cuiña do Plan de Acuicultura que no seu día foi aprobado. Ao mesmo tempo pon en evidencia a socialistas e nacionalistas que en decembro do ano 2007 votaban en contra dunha iniciativa parlamentaria promovida por Jose Manuel Balseiro reclamando que Cervo puidera acoller novas piscifactorías.

A decisión adoptada polo Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo é de especial importancia xa que fará posible a xeración de novas oportunidades laborais e un bo número de novos postos de traballo tal e como aconteceu no seu día coa apertura das piscifactorías que están xa plenamente operativas e instaladas nesta zona industrial cervense.

En relación con este asunto, o Grupo Parlamentario Popular formula as seguintes preguntas:

1.-) ¿Pode confirmar a inclusión do polígono de Cuiña, en Cervo (Lugo), dentro dos emprazamentos autorizados -nos niveis 1 e 2- do novo plan acuícola? De ser así, ¿cantos metros cadrados están afectados?

2.-) ¿Que características fan deste polígono un espazo ideal para albergar novas instalacións acuícolas?

3.-) A xuízo dos datos achegados ¿que valoración fai a Xunta de Galicia da decisión do anterior Executivo bipartito de excluír este polígono dentro dos futuros emprazamentos acuícolas?

Exit mobile version