Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP opúxose a restituír as axudas á flota conxeladora galega en augas NAFO, asegura o BNG

O PP VOTA EN CONTRA DE RESTITUÍR AS AXUDAS Á FLOTA CONXELADORA GALEGA EN AUGAS NAFO

O deputado do BNG, Bieito Lobeira lamentou a negativa do PP de demandar do Goberno do Estado as axudas a tripulantes e armadores dos buques conxeladores e criticou “a inxección de millóns de euros á banca privada”

Santiago de Compostela, 10 de maio , 2012. O portavoz de pesca do BNG, Bieito Lobeira lamentou hoxe o voto desfavorable do PP a unha iniciativa nacionalista destinada a instar ao Goberno central á restituír as axudas a tripulantes e empresas dos buques conxeladores que faenan no caladoiro NAFO.

Lobeira criticou “o dobre raseiro” do Partido popular que nega axudas á flota galega afectada por unha “inxusta e discriminatoria distribución de captura e cotas” en augas do caladoiro NAFO, no Atlántico, mentres seguen “inxectando miles de millóns de euros á banca privada”.

O deputado explicou que a flota que faena en NAFO é “rendible” pero no 2013 padecerá novas reducións ante o acordo do Consello Científico europeo de recortar o 63% a captura do fletán, polo que cualificou de “frivolidade” o proceder do Partido popular ao negar a restitución das axudas mentres insuflan grande cantidade de diñeiro a Bankia, “para os mariñeiros non hai cartos, dixo, pero si hai para os banqueiros e banca privada”, afirmou.

O parlamentario do BNG explicou que o 100% dos buques do Estado español que faenan en NAFO son galegos e a medida adoptada polo Goberno español agrava aínda máis a situación económica da flota afectada pola redución do 5% de cota do fletán e 7% de bacallau.

Lobeira afirmou que 500 tripulantes embarcados en doce conxeladores con base no porto de Vigo son os grandes prexudicados desta política distributiva á que o gasto das súas prestacións de desemprego nun contexto de Expediente de Regulación.

O PP recoñece demoras no pago ás mariscadores a pe

Por outra parte, o parlamentario do BNG tamén formulou unha pregunta, na mesma comisión, relativa a data prevista pola Consellería de Medio Rural e Pesca para o pagamento das cantidades debidas por axudas no 2011 ás mariscadoras e para completar o período de cotización e a data de publicación da orde para o ano 2012.

O secretario xeral Técnico da Consellería do Mar que recoñeceu “a demoras destes pagos” non se comprometeu a efectivizalos a pesar dos requirimentos do nacionalista.

Lobeira reprochou “o desleixo” da consellería cara un colectivo de mulleres que, cumpridos os 65 anos non contan co período necesario cotizado. Por esa razón, dixo, o anterior goberno articulou unha axuda de 557 euros e axudas para a cotización da Seguridade social ata que o Partido popular decidiu suprimir esa cantidade mantendo nos orzamentos da Xunta exclusivamente as axudas, “no ano 2011 as mariscadoras víronse obrigadas a adiantar os cartos para non perder a xubilación”, denunciou o deputado.

Finalmente, reclamou un “cambio de rumbo” na xestión política da consellería de Pesca ante as numerosas demandas de diversos colectivos afectados por unha “política errática e contraria aos intereses do sector”, concluíu.

Exit mobile version