Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP propón que as comunidades autónomas do Cantábrico colaboren no custo do apoio á flota do bonito

Jose Manuel Balseiro rexistrou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para que os gastos deste operativo posto en marcha pola Xunta se repartan en proporción ao número de buques que cada comunidade destina a esta pesquería

O GRUPO POPULAR PROPÓN QUE AS COMUNIDADES AUTÓNOMAS DO CANTÁBRICO COLABOREN NO CUSTO DO OPERATIVO DE APOIO Á FLOTA DO BONITO

 Galicia é a única comunidade que destina buques da súa titularidade para acompañar en alta mar a esta flota durante o tempo que dura a campaña e así asistila ante calquera incidencia.

Santiago, 19 de maio de 2012.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego na que propón que as comunidades autónomas do Cantábrico colaboren no financiamento dos custos do operativo loxístico de apoio á flota do bonito.

Pese a que todas as comunidades autónomas do Cantábrico (Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco) teñen buques que participan na campaña estival de pesca do bonito do norte, só Galicia -a través da Xunta- destina buques da súa titularidade –ben o buque polivalente Irmáns García Nodal ou o buque remolcador Sebastián de Ocampo- para que acompañen a esta flota en alta mar e a asistan ante calquera incidencia.

A iniciativa popular busca que os gastos deste operativo loxístico de apoio á flota posto en marcha en exclusiva pola Xunta se repartan proporcionalmente entre todas as comunidades en función do número de buques que cada una delas destina a esta pesquería.

Balseiro xustifica esta petición na necesidade de incrementar as medidas de cooperación e colaboración entre comunidades autónomas nun momento de axustes orzamentarios, así como na conveniencia de garantir unha maior eficiencia no emprego destes recursos que ao fin e ao cabo aínda que son titularidade da Xunta axudan e asisten ao conxunto da flota, sen importar á comunidade autónoma da que proveñan, dándose o feito de que máis do 80% das asistencias das pasadas campañas foron realizadas a buques de comunidades distintas á galega.

CAMPAÑA ANUAL

Segundo o deputado do PPdeG Galicia é, logo do País Vasco, a comunidade autónoma do Cantábrico que maior volume de pesca e valor acada na pesquería do bonito. De xeito habitual a costeira dedicada á pesca deste túnido, desenvólvese entre os meses de xuño e setembro. Os barcos con porto base en Galicia que dirixiron a súa actividade cara o bonito do norte superan o medio cento, cifra que temos que multiplicar por dous se engadimos o elevado número de embarcacións que empregan a nosa comunidade para efectuar as súas descargas.

Ano tras ano, indica Balseiro, a Consellería do Medio Rural e do Mar vén apoiando a esta flota a través de moi distintas actuacións como son a campaña etiquetado e promoción do consumo deste peixe, e o operativo de loxístico de apoio ás embarcacións que participan na costeira do bonito do norte.

Exit mobile version