Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP provincial desminte ao cesado presidente do PP de Ribadeo, di que lle ofertou encabezar a lista nas municipais, e afirma estaba ao fronte dunha executiva en situación de parálise

A dirección provincial sinala que os contactos co expresidente local de Ribadeo foron en persoa e non telefónicos

O PPdeLugo agradece os servizos prestados por Andina e lamenta que non entenda a decisión de renovar unha agrupación local que el mesmo recoñece que non funciona

 Depositan a súa esperanza nos actuais integrantes da xestora local e nos que a ela podan sumarse no futuro para recuperar a iniciativa e o protagonismo perdido polo PP en Ribadeo.

 Como mostra do bo trato á figura de Andina desde o PP provincial revelan que se lle ofreceu encabezar a candidatura municipal nas últimas eleccións, ofrecemento que el declinou.

Lugo, 29 de maio de 2012.- O Partido Popular de Lugo quixo saír ao paso no día de hoxe respecto das últimas declaracións aparecidas en prensa do expresidente do Partido Popular de Ribadeo, Jose Carlos Rodríguez Andina, expresándolle o sincero agradecemento polos servizos prestados ao longo da súa dilatada traxectoria política na primeira liña da responsabilidade desta formación política a nivel local e lamentando que, a xuízo das súas últimas palabras, non entenda a decisión de renovar unha executiva local que el mesmo recoñece que non funciona.

A dirección provincial dos populares lucenses lembra que a executiva local estaba nunha situación de absoluta parálise, con máis de sete anos sen convocar unha asemblea, con negativas a que concelleiros puideran participar na xunta directiva –a pesar de ser membros natos- e con reunións nas que participaban só 4 ou 5 dos 17 integrantes.

Os populares lucenses sinalan tamén que a opinión e trato da dirección provincial respecto de Rodriguez Andia foi sempre correcta e revelan que incluso nas últimas eleccións municipais se lle ofreceu encabezar a candidatura, ofrecemento que el mesmo declinou. Lamentan que agora dirixa reproches públicos contra os que lle confiaban esta responsabilidade.

OFRECERON MÁXIMA COLABORACIÓN

Desde o PP de Lugo quixeron sinalar que é absolutamente falso que a comunicación do relevo na presidencia local fora telefónica, xa que o propio Rodríguez Andina mantivo unha reunión en persoa co secretario xeral do partido, Jose Manuel Balseiro, o propio luns día 21 na sede provincial, na que se lle deu conta do camiño a seguir para o nomeamento da nova xestora e da persoa que pensaban podían encabezala. Naquel momento a reacción de Jose Carlos Rodríguez Andina foi a de amosar a colaboración “a tope pola súa parte”.

Acto seguido o martes 22, cítaselle á sede provincial ao portavoz do municipal, Manuel Valín, que indica que non pode acudir ao devandito encontro, pero aclara que pola súa parte tamén haberá máxima colaboración “aínda que non lle gustan as formas”.

Desde o PP de Lugo explican que o portavoz municipal incluso lle traslada ao presidente do PP a nivel provincial e ao secretario xeral –en conversas separadas e independentes- a urxencia de actuar renovando a cúpula do partido a nivel local e a idoneidade de situar nela ao actual presidente da xestora, Jesús López Penabad

A dirección provincial amosa a súa confianza no ofrecemento de colaboración por parte destas persoas e lamenta que despois esta non se teña materializado en feitos concretos. Ao mesmo tempo sinala como especialmente desafortunado o feito de que as críticas e debates que deberan darse no seo do partido se trasladen intencionadamente, e unha e outra vez, aos medios de comunicación, igual que vén acontecendo reiteradamente nos últimos anos nesta agrupación.

O PPdeLugo tamén lembra que o propio Rodriguez Andina como o resto dos membros da Xunta Directiva Provincial recibiron ata en tres ocasións a convocatoria para participar no encontro. O luns 21 a través dun SMS (procedemento habitual de avisos), o martes 22 por correo electrónico –convocatoria oficial- e o venres 25 un novo recordatorio vía SMS. A pesar disto, o expresidente local non participou no devandito encontro.

DIFERENCIAS ENTRE RIBADEO E RIOTORTO

A dirección provincial tamén quixo diferenciar moi claramente a situación que se da en Riotorto e en Ribadeo, lonxe da comparación que fai Rodriguez Andina. É certo que en ambas localidades procedeuse á renovación da cúpula local do partido elixindo para presidir a xestora a unha persoa que non forma parte do grupo municipal, pero no caso concreto de Riotorto, a aposta se decanta polo cabeza de lista que logrou facer ao PP a lista máis votada a un puñado de votos da maioría absoluta. Mentres que en Ribadeo, a derrota do PP foi máis que evidente, obtendo 4 de 13 concelleiros.

CONFIANZA NO FUTURO

Desde a dirección provincial queren concluír sinalando que depositan a súa esperanza nos actuais integrantes da xestora local e nos que a ela podan sumarse no futuro para recuperar a iniciativa e protagonismo perdido polo PP en Ribadeo.

Exit mobile version