Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo solicita a revisión de expedientes de axuda a domicilio tras varias denuncias veciñais

OS SOCIALISTAS DE CERVO SOLICITAN A REVISIÓN DOS EXPEDIENTES DE AXUDA A DOMICILIO TRAS VARIAS DENUNCIAS VECIÑAIS

-Segundo estes veciños, “existen persoas que non viven a diario no concello e que están a recibir este tipo de asistencia, mentres que son moitos os residentes habituais que agardan por ser atendidos”

-Dende o GMS din que “de ser certas as afirmacións, non podemos consentir que se siga actuando así, o goberno debería facer un seguemento para evitar estas situacións anormais”.

CERVO, 3 DE MAIO. O Grupo Municipal Socialista de Cervo ven de solicitar mediante escrito a revisión dos expedientes de Axuda a domicilio e alertou ó concello de certa información recibida por parte dalgúns veciños que “aseguran que persoas que non viven de forma habitual no municipio están a recibir os servizos deste programa”.

Os socialistas subliñan que “son varios os cervenses que nos advertiron do caso concreto dunha veciña que parece ser que vive de forma habitual no concello de Foz cun fillo e que ó ter vivenda no noso municipio, está recibindo este tipo de asistencia de forma periódica para a limpeza da casa”.

Os membros do Grupo Socialista, tras pedir acceso ó expediente, entenden que “de ser certas as afirmacións dos veciños, non podemos consentir que persoas que non viven no concello reciban este tipo de axuda, cando moitos residentes habituais están esperando por estes servizos e incluso algún deles lamentablemente falece sen recibir unha soa hora de asistencia. O goberno de Cervo ten a obriga de informar a esta persoa das xestións oportunas que debería facer para recibir axuda do Concello onde reside a diario”.

Esixen que o alcalde e o equipo de goberno de Cervo “se poñan ó día neste tema, revisen toda a documentación que manexan e fagan un traballo rigoroso á hora de destinar os recursos, cada vez máis excasos. Estes servizos deben dirixirse a persoas que sí viven en Cervo e que necesitan de forma máis urxente as axudas”.

Remitido

Exit mobile version