Sesión Comisión 5ª, 28 de decembro de 2011
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta:
1º.- A Xunta de Galicia a que se dirixa ao grupo empresarial Finsa co obxecto de que reconsidere a súa decisión de pechar a factoría ECAR e a estudar posibles alternativas para garantir a súa continuidade e a dos postos de traballo.
2ª.- As administracións competentes a establecer negociacións co grupo empresarial Finsa co obxectivo de evitar o pechamento da fábrica ECAR en Mondoñedo e a garantir os seus postos de traballo, así como tamén a establecer as negociacións oportunas co grupo Mobles Hermida dirixidas tamén a garantir o mantemento do emprego.
3º.- A Xunta de Galicia a impulsar, en colaboración coa deputación, o Estado e os concellos, a formulación dun plan de desenvolvemento industrial con apoio público para contribuír á dinamización económica da comarca e, nomeadamente, dos concellos de Mondoñedo e Lourenzá.”
Remitido
——–
Á Mesa do Parlamento
Ismael Rego González e Sonia Verdes Gil, deputado e deputada pertencentes ao Grupo Parlamentario Socialista, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión.
En distintas xuntanzas do Parlamento e por iniciativa de distintos deputados e deputadas e grupos parlamentarios debatéronse varias iniciativas sobre os ERE presentados polas empresas Mobles Hermida e ECAR nos concellos de Lourenzá e Mondoñedo e sobre as súas consecuencias en materia económica e laboral para a comarca da Mariña e a provincia de Lugo no seu conxunto, e sobre medidas que o Goberno galego debería adoptar no exercicio das súas competencias especialmente polo que afecta ao ámbito laboral e de política industrial.
A carón dunha destas iniciativas acadouse un acordo sobre unha transación que foi aprobada pola unanimidade dos grupos do Parlamento de Galicia, no que se instaba o Goberno galego a manter un diálogo coas empresas e os representantes dos traballadores a prol da busca dun compromiso en cada un dos casos que fixese compatible a viabilidade das empresas coa menor perda de emprego posible, e tamén sobre o impulso en colaboración con outras administracións dun plan de desenvolvemento industrial que contribuíse á discriminación económica da comarca da Mariña.
Polo exposto o deputado e a deputada que asinan formulan as seguintes preguntas para a súa resposta oral en Comisión.
1.ª) Que xestións realizou o Goberno galego cos dirixentes empresariais e representantes dos traballadores das empresas Mobles Hermida e ECAR sobre os ERE presentados por ambas as dúas empresas, e con que resultados?
2.ª) Que iniciativas adoptou o Goberno galego para dar cumprimento ao acordo adoptado polo Parlamento para abordar a situación económica, industrial e laboral da Mariña luguesa como consecuencia dos ERE presentados?
Remitido