O RESTAURANTE A DORADA DO CANTÁBRICO FOI O GAÑADOR DA SÉTIMA EDICIÓN DO RIBADEO DE TAPEO QUE CONCLUIU ONTE. SUÁREZ BARCIA AMÓSASE SATISFEITO POLO ÉXITO DESTE CONCURSO GASTRONÓMICO NO QUE DURANTE 10 DÍAS SE VENDERON ARREDOR DE 50.000 TAPAS.
Ribadeo, 28 de maio de 2012. O restaurante A Dorada do Cantábrico foi o gañador da sétima edición do Ribadeo de tapeo. O xurado que degustou as 51 tapas presentadas a concurso así o decidiu. O segundo premio foi para La Solana e o terceiro para o Kursal. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, amosóuse moi satisfeito do éxito desta tradicional cita que trouxo a centos de persoas a Ribadeo. Segundo os datos que manexa o Concello en dez días vendéronse arredor de 50.000 tapas.
O rexedor dixo que “todas as cousas boas tamén teñen o seu remate, pero neste caso con moita satisfacción vemos que na sétima edición do Ribadeo de tapeo se venderon unhas 50.000 tapas, elaboradas polos 51 establecementos participantes, e onde debo destacar o enorme ambiente que se viviu en Ribadeo ao longo destes dez días. E iso é o que pretendemos desde o Concello organizando esta iniciativa que ten tanto éxito, que tantos outros Concellos de cerca e de lonxe veñen ver aquí o que nós facemos para implántalo nas súas zonas. Pero nós cada ano intentamos mellorar, intentamos facer máis cousas anexas, como puido ser a ruta das tapas das alcantarillas, que estivo francamente ben, ou as outras iniciativas culturais realizadas arredor do Ribadeo de tapeo”.
Suárez Barcia indicou que “aínda que, como sempre digo, o importante é participar, tamén aquí establecemos uns premios aos que mellor o fixeron, aos que se máis de esforzaron, a través dun xurado independente do propio Concello e formado por especialistas na restauración, aos que eu lles quero agradecer o seu traballo ao longo destes días”. Ese xurado determinou 10 finalistas que foron: AG Porcillán, Bouza, O Cabás, Casa Pepe, A Dorada do Cantábrico, Casa Foguete, Kursal, Náutico, Parador de Turismo e La Solana. “E dentro destes finalistas o terceiro premio foi para a sala Kursal pola súa tapa Da batea á lata, o segundo premio foi para La Solana polo seu Libriño das letras galegas, e finalmente o premio gañador desta sétima edición do Ribadeo de tapeo foi A Dorada do Cantábrico polo seu Rolo de tenreira con verduriñas e puré de pistachos en salsa agridoce”, explicou o alcalde de Ribadeo, que engadiu que “dentro duns días será cando fagamos o resumo e o reconto do que será o premio do público á mellor tapa e onde sorteemos os premios ao larpeiro de ouro e os outros que tamén damos habitualmente”.
Outros eventos
Barcia subliñou que “estas iniciativas que levamos adiante desde o Concello tratan, sobre todo, de crear ambiente para traer xente a Ribadeo, para que o sector servizos e a hostalería se poidan beneficiar de toda a xente que se achega ata aquí”. E tamén aludiu e destacou “o traballo realizado polo asociacionismo deportivo que está facendo a Ribadeo grande, grande porque esta fin de semana houbo un torneo de veteranos que trouxo aproximadamente a 1.000 persoas a Ribadeo con xentes de Galicia, do resto de estado e incluso dalgún equipo inglés. O traballo que fan estes veteranos é moi importante para a economía de Ribadeo como os que farán tamén nas vindeiras semanas a SD Ribadeo, o fútbol sala, a ximnasia rítmica, que van realizar diferentes eventos ao longo das vindeiras fins de semana e que van traer a centos de persoas a Ribadeo facendo que os hostais, os hoteis, os restaurantes e os comercios sexan tamén directamente beneficiarios e é lóxico e xusto que o Concello siga apoiando estas iniciativas para ben de Ribadeo”.