Site icon Crónica3.com A Mariña

O vicepresidente da Deputación participou na presentación do Correlingua 2012 na Mariña

CO LEMA “GALEGO. TODO O QUE BUSCAS”, O CORRELINGUA 2012 REMATARÁ NA MARIÑA DESPOIS DE PERCORRER TODA GALIZA EN DEFENSA DO IDIOMA

VIVEIRO ACOLLE AOS PARTICIPANTES DOS CENTROS DA COMARCA.

En rolda de prensa foi presentado hoxe o Correlingua da Mariña na casa do concello de Viveiro, con Antón Veiga, Vicepresidente da Deputación de Lugo, Bernardo Fraga e Olaia Casas, representando ao Concello, membros dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de Viveiro –en representación dos Equipos da Mariña- e a coordinadora do Correlingua, Dores Fernández Abel.

Partirá, ás 11 da maña do día 16 deste mes de maio, de diante do IES Vilar Ponte e do CEIP Lois Tobío, para logo cruzar a Ponte da Misericordia e facer un percorrido polo casco histórico. O festival final terá lugar na Praza Maior. Nel actuarán alumnos e alumnas dos centros e o grupo Chupadeskai.

Participarán nel prácticamente todos os centros de secundaria: os IES Porta da Auga, IES de Foz, Alfoz-Valadouro, Perdouro, Monte Castelo, Marqués de Sargadelos, Illa de Sarón, Vilar Ponte e María Sarmiento. Tamén participarán os de infantil e primaria de Cervo (CEIP de Cervo e CEIP Nº1); os de Foz: Cantel, CEIP Nº1 e Fondo Nois, e o Colexio Martínez Otero; o CEIP Caselles Rollán de Xove e o CEIP San Miguel de Reinante.

O Concello de Viveiro, ademais de colaborar para que todas as actividades discorran á perfección, oferta a posibilidade de visitar con guía o casco histórico pola tarde para aqueles centros interesados en coñecer esta vila aproveitando a visita.

Son moitas as persoas e entidades que fan posible o Correlingua. Para empezar, os Equipos de Normalización Lingüística dos centros educativos e, para seguir, aquelas institucións que fan achegas económicas ou materiais: os Concellos de Ribadeo e Viveiro, da Mariña; a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, os concellos de Ourense, Vigo, Pontevedra e Lugo, e a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-pedagóxica Galega e CIG-Ensino.


ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA PRESENTACIÓN DO CORRELINGUA 2012 NA MARIÑA

Esta carreira a prol da lingua galega, este ano baixo o lema “Galego, todo o que buscas”, celebrarase o vindeiro día 16 en Viveiro, e prevese que participen arredor de 1.500 escolares

Antonio Veiga falou da necesidade de promover o uso do galego entres os máis novos, xa que é entre as xeracións novas onde o galego perde maior número de falantes ano a ano

Viveiro, 9 de maio de 2012. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, participou na mañá de hoxe no acto de presentación do Correlingua 2012 na Mariña, que tivo lugar no Casa do Concello de Viveiro, cidade da comarca que este ano acollerá esta actividade a prol da lingua galega, e que se celebrará o vindeiro día 16.

Antonio Veiga falou da necesidade de promover o uso do galego entres os máis novos, xa que é entre as xeracións novas onde o galego perde maior número de falantes ano a ano. Neste sentido, Veiga ratificou “o apoio da Área de Cultura da Deputación a todas as actividades que, como esta, difundan o uso do galego con normalidade en todas as facetas da vida, necesario agora máis que nunca nuns momentos nos que o noso idioma propio está sendo atacado directamente por parte da Xunta de Galiza ao plantexaren o polémico decreto do trilingüismo.

O vicepresidente da Deputación valorou moi positivamente a actividade e agradeceu o esforzo dos organizadores por poñela en marcha un ano máis, desexándolle os maiores dos éxitos e unha alta participación coma en anos anteriores.

O lema baixo o que se correrá é GALEGO. TODO O QUE BUSCAS, e como en anos anteriores, está prevista a participación de practicamente todos os centros de secundaria e varios de infantil e primaria. Cóntase que sexa todo un éxito, como todos estes anos, e que participen arredor de 1500 escolares.

Exit mobile version