Site icon Crónica3.com A Mariña

OBNG de Barreiros asegura que o concello cobra taxa de saneamento en zonas que non teñen o servizo e pide a revisión

O BNG PÍDELLE AO GOBERNO DE BARREIROS QUE REVISE O COBRO QUE ESTÁ A FACER DA TAXA DE SANEAMENTO. OS NACIONALISTAS ASEGURAN QUE HAI ZONAS QUE NON CONTAN CON ESTE SERVIZO E AOS VECIÑOS LLES ESTÁN A PASAR O RECIBO IGUAL.

Barreiros, 3 de maio de 2012. Os nacionalistas advírtenlles aos veciños a ás veciñas de que revisen os recibos da auga para ver se o Concello lles está a cobrar polo servizo que presta, xa que se teñen detectado cobros da taxa de saneamento en zonas onde se carece del.

O BNG tivo coñecemento nos últimos días de que se están a producir erros no cobro dos recibos da auga correspondentes aos primeiros meses deste ano 2012, “nestes recibos o Concello aplica a suba das taxas de auga e saneamento que aprobou o Partido Popular a finais do ano pasado, o que supón un incremento no recibo que pode superar o 60% segundo os casos”. No seu momento, o BNG xa se posicionou “en contra desta suba, por entendela desproporcionada e perxudicial para o conxunto das e dos barreirenses, aos que se está cargando de taxas e impostos para tapar a mala xestión feita polo goberno municipal.”

Ademais, o BNG insiste en que “o servizo de abastecemento de auga que presta o Concello de Barreiros debe mellorarse moito, xa que desde hai tempo cada vez que hai choivas, a auga das billas sae turbia e, polo tanto, non pode ser consumida polas veciñas e veciños. No BNG entendemos que se se está a cobrar por un servizo e se está a subir o seu prezo, o mínimo é que ese servizo poida ser utilizado pola poboación sen ningún impedimento”.

Nestas facturas, que as veciñas e veciños non reciben físicamente, senón que se fan efectivas directamente co cargo bancario inclúese unha nova taxa en concepto de saneamento por un importe de 5 euros. Desde o BNG advirten de que xa tiveron coñecemento de que “esta cantidade se está a cobrar a xente de zonas do concello nas que non hai saneamento, polo que esas persoas non teñen porque asumir o coste dun servizo que non está a recibir.”

O Bloque Nacionalista Galego cre que “este feito responde ao extremo afán recaudatorio do goberno barreirense para tentar paliar a nefasta situación económica que sofre o Concello derivada da mala xestión que se estivo a facer dos fondos públicos durante estes anos”.

Remitido

Exit mobile version