Site icon Crónica3.com A Mariña

Pasa o que pasa, din o que din e fan o que fan

PASA O QUE PASA, DIN O QUE DIN E FAN O QUE FAN

Pasa que os mariñáns parece que non somos deste mundo. Pasamos a semana máis convulsa da economía, estivemos a piques da intervención, aprobamos o maior recorte da historia e nós seguimos de pontes, congresos políticos triunfalistas, de concertos con figuras enxebres e indo de churrasco e queimada ao berro ancestral de “Corre Carmela que Chove”.

Pese a quen pese, da negrura da nosa pelexa coas contas correntes, aínda nos quedan cousas das que poder gozar, aínda que no recóndito inconsciente renaza o xuíz implacable e invisible que nos espolea e fainos presentes aos miles de parados que quedan fóra dos nosos exquisitos circuítos culturais.

Mentres tanto seguen a dicir o que din: Para o Goberno de Rajoy, a Sanidade, a Educación e a Función Pública son os tres principais lastres do país e as causas do déficit español. Segundo a retórica oficial, os estudantes aprovéitanse dos contribuíntes -que veñen ser os seus propios pais traballadores, pois os ricos xa foron amnistiados-, coas bolsas. A Sanidade está en ruínas porque se atende a inmigrantes sen papeis e porque os anciáns abusan do sistema amoreando optalidones. E os funcionarios afundiron ao Estado porque se pasan o día tomando cafeiños e lendo o xornal.

E fan o que fan: Os partidos colocaron no poder xudicial aos seus amigos que gozan de “semanas caribeñas”, isto é, traballan tres días e libran catro e cando se aburren, vanse a Marbella con cargo aos orzamentos públicos. Colocaron á fronte de Bankia a un señor que cobra millóns, contribúe ao afundimento da entidade, dimite, indemnízaselle, colócase a outro que xa cobrou -por adiantado- unha pensión de máis de 50 millóns-, e o novo experto conclúe a súa análise de profundo calado intelectual cun “rescátennos con diñeiro público”.

Entón, chega o barómetro do CIS e constata que os cidadáns senten alleos aos seus representantes políticos. Non confían nin nos que gobernan, nin na oposición, e ningún ministro aproba. A continuación, saen os portavoces e achacan os datos a unha mala política de comunicación. Dino en serio, aínda que pareza unha broma: ninguén soubo comunicar ben o que a primeira ollada se ve, no mellor dos casos, como un desastre provocado por inútiles , iso si, con traxes de marca.

Otero Regal

Exit mobile version