PLAN DE DESEMPREGO
A mediados do ano 2005, Xove contaba cunha poboación de 3636 persoas censadas e tiña unha media de paro de 140 persoas. No ano 2011 perdimos poboación até as 3496 persoas, cunha media de paro de 164 persoas. No primeiro trimestre do 2012 a taxa media de paro en Xove resultou ser de 194 persoas, é dicir, aumentou un 30% ao tempo que a poboación se reduciu un 6%. Para que serve entón tal plan de emprego?
O enorme esforzo en márketing na prensa comarcal para vendernos este “plan de desemprego” non ten parangón. Está visto que cando se trata de gastar en propaganda non hai crise que valla. Pero, onde está o fracaso desta política? Ao meu entender o que fallan son as bases que regulan o dereito ás axudas, sempre e cando non foran feitas así coa solapada intención de vender favores financiados con diñeiro público. Un exemplo: ten o mesmo dereito ás axudas do Plan de Emprego unha persoa que leva varios anos no paro ca unha que leva un día. Igual que unha persoa que, tendo traballo, se anota unicamente para mellora de emprego. A outra grande eiva é que se priman pouco os contratos indefinidos (1800€ anuais) fronte aos contratos temporais (1000€ ao ano). E así estamos tres aniños e en canto se acaba a subvención, volta a empezar.
Xosé Lois Iglesias Pérez