ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA PRESENTACIÓN DA V VOLTA ÁS COMARCAS DE LUGO
Esta proba ciclista disputarase en tres etapas os días 1, 2 e 3 de xuño, e nela participarán 16 equipos de ámbito nacional, estatal e internacional
O vicepresidente da Deputación indicou que “seguimos traballando para descentralizar a práctica e a organización de determinados eventos deportivos, un feito que suporá un forte impulso socioeconómico para as zonas nas se poñan en marcha este tipo de iniciativas”
A Pobra do Brollón, 24 de maio de 2012. O vicepresidente da Deputación e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou esta mañá na área recreativa de Pobra do Brollón, a V Volta ás comarcas de Lugo, proba ciclista organizada pola Área de Deporte e polo Club ciclista Cidade de Lugo. No acto de presentación tamén estiveron Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón; Juan Paz, vicepresidente do club ciclista Cidade de Lugo; e Santiago Seijas, director técnico desta cita deportiva.
Antonio Veiga auguroulle un prometedor futuro a este campionato logo do “gran éxito acadado en pasadas edicións e que, de seguro, se repetirá este ano”. Nesta liña, o vicepresidente da Deputación de Lugo lembrou que un dos obxectivos da Área de Deportes desta entidade é o de “fomentar a práctica do deporte, sexa cal sexa a súa disciplina, en todas e cada unha das comarcas lucenses”. Así, o nacionalista resaltou que “seguimos traballando para descentralizar a práctica e a organización de determinados eventos deportivos, un feito que suporá un forte impulso socioeconómico para as zonas nas se poñan en marcha este tipo de iniciativas”.