Tesoiras e peto das ánimas
Estamos a asistir ao agónico escándalo da usurpación planificada do noso aforro co consentimento das nosas autoridades (a algunhas persoas roubáronllelo literalmente e polo que se ve sen ningún risco para os cacos de guante branco); estamos a ver como se desmantelan os servizos públicos, nomeadamente no ensino e na sanidade (aumento de ratios profesorado/alumnado, redución ou eliminación de ciclos, desmantelamento do Hospital Comarcal…); como se planifica unha xustiza de primeira (para quen poida pagar os recursos en segunda instancia) e outra de segunda división (quen non); asistimos, en fin, á prepotencia paifoca dun ministro de xustiza máis estirado e melindroso ca competente que, mesturando os allos cos bugallos, defende a supresión do xulgado de Mondoñedo porque, di el, quen son eses catro veciños para querer un xulgado? Ribadeo, non debe saber onde queda; do seu xulgado, nin falemos. E non o reivindiquemos, que igual nos acusan de quere desgastar ao goberno.
Tiña a esperanza de que escampara un pouquiño para poder gozar dun 1º de Maio soleado, ir á manifestación con bo ánimo e poder achegarme pola tarde ata a Illa Pancha. Mais outra masa de nubes desalentoume. Chovía a cachón mirando cara a Foz e non arrisquei. Outra treboada peor deixoume máis baldado aínda: o Ministerio de Fomento ten pensado comezar a cobrar peaxes “brandos” (eu que sei, algo así como catro ou cinco “cafelitos” á semana) a todos os vehículos lixeiros que circulen por boa parte da rede de autovías do Estado. Para evitar que os que non as usen paguen inxustamente o mantemento das mesmas a través dos seus impostos, mellor sería, coidan eles, que as paguemos os usuarios. E os que non van nunca ao médico van deixar de pagalo tamén?
A Mariña oriental e a comarca do Eo-Navia (o occidente asturiano en xeral) apenas están a punto de superar un illamento secular e xa as queren gravar cunha nova taxa? Do corredor Barreiros-Ferrol, mellor nin falamos, non si? Velaí o afán do noso goberno “amigo”: tesoiras para recortar… e peto das ánimas para recadar. E mentres, veña subvencións ao sector privado (colexios de élite, desvío para a sanidade privada, para a Igrexa…). Imaxínanse dar de novo todos os días a volta á ría, vía Porto, A Veiga e Castropol (ou en sentido inverso)? Sería unha boa escusa para relanzar o servizo de lanchas. Algunhas compañeiras de traballo viñan en bici ata As Figueiras, cruzaban e subían ata o Patín, ou despois o Politécnico. Ben: o do servizo de lanchas, co permiso do señor Gallardón, que igual lle parecemos pouca veciñanza. E máis cousas que veredes!
Farruco GRAÑA