Don Xosé Trapero Pardo, ilustre intelectual, xornalista e escritor, nacera co século XX en Castro das Ribeiras do Lea. Moi novo entrou no Seminario que deixou a piques de ser ordenado. Promotor, redactor e director de xornáis, casou en Mondoñedo con María Mourelle, de coñecida familia. Aos dez anos finou a dona, víctima da tuberculose que facía estragos: Vraneou en Foz perante 67 anos e, como un día nos dixo : “non faltei nen o ano que estalou a guerra civil (1936)” Mais tarde casaría con dona Delia Caetano, muller de grande cultura e de dozura e sensibilidade exquisitas.. Pasaba aquí o mes de agosto e logo no balneario de Caldas de Reis botaba outra tempadiña. Nunha ocasión chegou a aquel hotel un grupo de turistas, profesores de Universidade de Uruguay. Desexando a compaña dalguén que puidera guialos pola zona para mostrala e informar de canto de interese histórico e cultural encerraba, don Xosé aprestouse ó labor, No grupo estaba dona Delia, e como “non sabe un onde a ten”, nos dixo o escritor, pasado un tempo, emparellou de novo…Trapero era un amante de Foz; ó longo da súa existencia–que durou 95 anos–publicou centos de artigos sobre ela ; pronunciou pregóns e acudiu a mil eventos culturais. A parella convirtiuse en asídua partícipe na edición da Rapadoira Oral: as súas intervencións era seguidas con especial interese. No hall da súa casa luguesa penduraba un fermoso óleo do noso común amigo Luis G. Pacios, que reproducía un anaco do Ollo do Mar, lugar preferido pola parella no que pasaban horas de contemplación. A zarzuela”Non chores, Sabeliña” foi a súa obra mais carismática. Logo de representarse, nos anos da posguerra, por media Galicia, en 1992 foi reposta en Lugo polo Orfeón Lucense. Asistimos ó acto, e á saída dixemos ó mestre:”cómo nunha obra que na súa totalidade transcorre na chaira luguesa, introduce un personaxe (o focense “Xastrico”) da beiramar?. Él respostounos: “dalgún xeito Foz tiña que estar na miña zarzuela ”. Polos anos 60, con sobrados motivos, a Corporación Municipal deulle o seu nome ó tramo da rúa que, do Campo da Cabana leva á Praia da Rapadoira.