Site icon Crónica3.com A Mariña

Tras publicar a Xunta o plan de RRHH, a CIG ve que os hospitais de Monforte e A Mariña poden pasar a depender de Lugo


Os hospitais de Monforte e A Mariña poden pasar a depender da Xerencia de Lugo

A Xunta de Galiza vén publicar este venres o plan de ordenación de RRHH, nel recolle nun texto ambiguo o que non se atreveu a publicar como decreto de xestión integrada (área única).

Trala activa e masiva contestación das poboacións das áreas sanitarias de A Mariña e Monforte en ámbolos dous casos, o poder político do PP (o Sr Feijoo e a Sra Farjas) aseverou que ambas áreas non dependerían de Lugo.

É por esto que o decreto de xestión integrada de Lugo quedou adiado, sendo un dos poucos que quedan por publicar, evidentemente cunhas eleccións á Xunta de Galiza por diante, a Consellería decide publicar ás escondidas (no medio dunha ponte e nun documento que non é o adecuado ) que as Xerencias da Mariña e de Monforte, antes independentes, poden pasar a depender dunha única Xerencia de atención especializada, a de Lugo. Dicindo literalmente no apartado de estruturas do Servizo Galego de saúde:

-Xerencias (atención especializada de Lugo).

Asumen a xestión Integral dos recursos asistenciais de atención especializada (Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, Hospital Comarcal de Monforte, Hospital da Costa Burela), correspondentes as áreas sanitarias de Lugo, Monforte e Cervo.

Non só está mal redactado, se non que a súa interpretación pode ser múltiple, unido esto ao párrafo anterior, onde se reitera que a xestión da atención primaria segue a ser provincial, co que logran provocar unha confusión suficiente para poder ordear arbitrariamente a xestión do sistema sanitario en Lugo.

Hai 2 anos nunha visita do Sr Feijoo a Monforte comprometeuse expresamente a facer unha área de Xestión Integrada sen dependencia de Lugo, o que se anticipa neste plan de ordeación de RRHH é que en canto pasen as eleccións, Lugo será unha área única provincial, como xa é actualmente Ourense, xerencia da que dependen hospitais tan alonxados como Verín e O Barco.

O Sr Feijoo mentiulles a tódolos Monfortinos e a Farjas a tódolos Mariñaos.

Máis alá de todo esto , o significado desta política sanitaria vén sendo a descapitalización da asistencia sanitaria nos hospitais comarcais, coa perda de servizos e de profesionais, esto obsérvase perfectamente cando no propio plan se recollen:

– o uso de medios telemáticos que permitirían implantar as gardas de raios en Lugo, ou a centralización dos laboratorios para analíticas ordinarias.

– a modernización das infraestruturas, ¿como van modernizar as infraestruturas dos hospitais de Monforte e Burela, cando en Lugo está todo novo e modernizado? (para exemplo o mamógrafo do ano da polca que se instalou en Monforte). Actualmente ambos hospitais son as plantas de reciclaxe do SERGAS, xa que todo o refugallo sobrante en Lugo vai parar alí.

-a mobilidade forzosa do persoal: ¿que pasará cando pechen un servizo neses hospitais?, por exemplo, pediatría… pois nada o persoal será enviado forzosamente a traballar ao HULA e os/as doentes tamén.

Por outra banda, en Lugo o flamante e ben dotado hospital (de medios e RRHH) foi deseñado para asistir á poboación da área sanitaria de Lugo, non para a asistencia á poboación de toda a provincia, polo tanto o máis probable é que os recursos volvan ser escasos, a poboación chegue a estar peor atendida, lonxe da súa casa, as condicións laborais dos/as profesionais empeoren…

Supoñemos que a vantaxe que lle verán a esto dende a Xunta é que é máis doado precarizar a asistencia se esta está centralizada, será máis doado facer concertos e privatizar servizos, mentres os/as traballadores/as e cidadáns pagan a asistencia, as viaxes, as estancias…. e ven como se retroceden 50 anos na Política Sanitaria.

Nin que dicir ten que a CIG-Saúde rexeita este documento ao completo, xa que só o ensinaron na Mesa Sectorial pero en ningún caso foi negociado, a maiores pensamos que non serve para o que di o seu título se non para ter plenos poderes unilaterais para a organización (provisión, mobilización…) tanto de profesionais como de servizos sanitarios que irán claramente en detrimento da Sanidade Pública en calquera das dúas vertentes.

Exit mobile version