DESDE MAÑÁ XA SE PODE PEDIR CITA NO CONCELLO DE RIBADEO PARA FACER A DECLARACIÓN DA RENDA, SEGUNDO ANUNCIABA HOXE O ALCALDE, FERNANDO SUÁREZ.
Ribadeo, 7 de maio de 2012. Desde mañá xa se pode pedir cita no Concello de Ribadeo para facer a declaración da renda nesas dependencias. A partires do 29 de maio un técnico da Axencia Tributaria atenderá de xeito totalmente gratuito, coma sempre, en horario de mañá e tarde ás persoas con domicilio fiscal e censal en Ribadeo.
O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “un ano máis, tal e como ocorreu nos últimos seis ou sete, desde o Concello ofreceremos o servizo da declaración da renda que realizará un técnico da Axencia Tributaria desprazado a Ribadeo ao longo de varios días. Este ano haberá novidades, son menos os días que virá, aínda que traballará en horario de mañá e de tarde o número de citas será menor porque non puidemos conseguir máis tempo. E o que sí imos limitar neste 2012 é que só se poderán beneficiar deste servizo os veciños con domicilio fiscal e censal en Ribadeo”.
O rexedor dixo que “o servizo da declaración da renda no Concello dará comezo o vindeiro 29 de maio en horario de mañá e de tarde. E a partires de mañá martes xa se pode pedir cita, ben presencialmente acudindo ás oficinas xerais do Concello ou chamando por teléfono ao 982 120 701. Os técnicos do Concello explicaránlles aos veciños e ás veciñas de Ribadeo a documentación que deberán presentar o día que veñan facer a súa declaración”.
Suárez Barcia animou “a todos os veciños da vila e das parroquias que xa están habituados, e ademáis sei que valoran moito este servizo que ten Axencia Tributaria cun concello coma o de Ribadeo, que é importante, pero que está lonxe de Lugo e doutros sitios nos que pode haber administracións tributarias como Foz, etc”. O alcalde lembrou que o servizo é totalmente gratuito.