Antonio Veiga mantivo unha xuntanza coa delegada da Xunta en Lugo na que lle trasladou “a pertinencia de modificar os criterios do Decreto para que non fosen tan negativos para Lugo, diante do que houbo unha negativa”
Veiga afirmou que “se a delegada da Xunta non é capaz de conseguir nin un só euro para o Servizo de Axuda no Fogar nos concellos lucenses é evidente que as súas competencias son nulas e que estamos diante dunha figura que supón un gasto superfluo”
“É evidente que estamos aquí para solucionar un problema da cidadanía lucense, pero se a Consellaría competente vai seguir ausente non descartamos ningunha iniciativa”
Lugo, 10 de maio de 2012. O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, xuntouse esta mañá no seu despacho en San Marcos coa comisión de seguimento sobre o modelo de financiamento dos servizos sociais formada por Severino Rodríguez, alcalde de Monforte de Lemos, (en representación dos alcaldes do BNG), por Darío Campos (alcalde da Pontenova, do PSOE) e Manuel Varela, alcalde de Chantada, coa finalidade de poñer en marcha as medidas necesarias diante do silencio da Consellería de Traballo e Benestar de manter unha xuntanza cos mesmos para modificar o modelo de financiamento do sistema de benestar recollido no Decreto 99/2012 de 16 de marzo que estabelece unha mudanza radical sobre todo no que ten a ver cos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Veiga insistiu “na necesidade de que a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, responda de maneira urxente, nun prazo de 10 días, á solicitude de reunión formulada pola vicepresidencia da Deputación e polos rexedores que forman parte desta comisión, a fin de que acheguen fondos da Administración autonómica a eses 66 concellos da provincia de Lugo que co actual modelo fican sen posibilidade de financiamento da Xunta para facer fronte aos gastos derivados do SAF básico, para o mantemento dos equipamentos sociais de titularidade municipal e para as unidades de traballo social coas que contan os concellos”.
Posteriormente, Antonio Veiga xuntouse na Delegación da Xunta de Galiza en Lugo coa delegada, Raquel Arias, trasladándolle as conclusións ás que os alcaldes que fan parte da comisión chegaran de maneira conxunta, ao que ao remate da xuntanza Veiga afirmou que “se a delegada da Xunta non é capaz de conseguir nin un só euro para o Servizo de Axuda no Fogar nos concellos lucenses é evidente que as súas competencias son nulas e que estamos diante dunha figura que supón un gasto superfluo, polo que se queren recortar se cadra habería que empezar por aquí”.