Site icon Crónica3.com A Mariña

Uns 300 veciños da provincia redescubrirán A Mariña, A Montaña e a Zona Sur co programa Km0

300 veciños da provincia redescubrirán esta semana A Mariña, A Montaña e a Zona Sur grazas ó programa Km0

– Os participantes, procedentes de Foz, Castroverde, San Cibrao, Sarria, Muimenta e Castro de Rei, coñecerán o patrimonio medioambiental e cultural destas tres comarcas, ademais de dinamizar a súa actividade hostaleira

– O Presidente da Deputación recibiu este martes a 48 socios do Club Náutico focense e a 55 membros da Asociación de Xubilados de Castroverde, que gozaron de rutas por Belesar e Chantada, e por Mondoñedo, respectivamente

Un total de 300 veciños da provincia redescubrirán esta semana o patrimonio medioambiental e cultural das comarcas da Mariña, A Montaña e a Zona Sur grazas ó programa Km0 da Deputación de Lugo. Os participantes, procedentes de Foz, Castroverde, San Cibrao, Sarria, Muimenta e Castro de Rei, contribuirán así mesmo a dinamizar o sector hostaleiro das localidades que percorrerán, pois pararán a repoñer forzas en diversos establecementos e casas de turismo rural.

A programación arrancou este martes con dous grupos: 48 socios do Club Náutico focense, e 55 integrantes da Asociación de Xubilados de Castroverde. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu ós dous colectivos no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Seguidamente, os focenses visitaron Pozo de Ollo, e a presa e o pobo de Belesar, fixeron un tramo da ruta Pesqueiras e coñeceron a adega Vía Romana. A comida tivo lugar no restaurante chantadino Mogay. En canto ós veciños de Castroverde, coñeceron as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación e, xa en Mondoñedo, a Ponte do Pasatempo, a catedral, un obradoiro de zocas e o establecemento La Alianza. Comeron no restaurante mindoniense Montero.

Para mañá mércores están previstos dous itinerarios, un polo Courel, do que gozarán 48 integrantes da Asociación de Mujeres de San Ciprián, e outro por Ribadeo, que realizarán 48 membros da Asociación de Palilleiras de Sarria. O primeiro colectivo redescubrirá as insuas de Burneiros e Fervenza, os castros de Vilar e da Torre, a aldea de Seceda, e comerá na casa de turismo rural Ferreiro, de Seoane do Courel. Polo que respecta ó grupo de Sarria, percorrerá as praias das Catedrais e Os Castros, as cetáreas de Rinlo e o aeródromo de Vilaframil, mentres que a comida terá lugar no restaurante das Catedrais.

O xoves concluirá o programa desta semana con rutas por Monforte e Viveiro. Deste xeito, 48 membros da Asociación Aquilino Iglesias Alvariño de Muimenta, tras coñecer a olería de Bonxe, comerán no Parador de Turismo de Monforte e visitarán o Pazo de Tor e o museo do Ferrocarril. Por outra banda, 55 integrantes da Asociación de Pensionistas de Castro de Rei achegaranse ás instalacións da Fundación TIC para viaxar logo a Viveiro, onde comerán no restaurante Val do Naseiro e se achegarán á igrexa de Santa María, a Porta de Carlos V, o casco histórico, a praia de Covas e o monte de San Roque.

Como inscribirse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.

Exit mobile version