Site icon Crónica3.com A Mariña

Xogos e deporte mesturáronse nas Xornadas de Balonmán celebradas no pavillón da Veiga en San Cibrao, Cervo

Xogos e deporte mesturáronse nas Xornadas de Balonmán celebradas no pavillón da Veiga

-As xornadas consistiron nun conxunto de actividades de iniciación ao balonmán para rapaces e rapazas en idades de alevín e benxamín

-Os equipos infantís de Balonmán de Viveiro masculino e feminino declaráronse os vencedores das Finais Provinciais celebradas no pavillón

Cervo, 18 de maio de 2012-Unha trintena de rapaces e rapazas en idades de alevín e benxamín participaron este xoves nas Xornadas de Balonmán que tiveron lugar no pavillón da Veiga de San Ciprián. Unha actividade deportiva que tiña como obxectivo introducir á mocidade na práctica do balonmán dun xeito ameno e divertido. Técnicos e xogadores do Club Balonmán Viveiro dirixiron as actividades, baseadas en xogos con balóns de espuma, para familiarizalos co deporte ou outro tipo de actividades lúdicas cun compoñente deportivo e de exercicio físico. Ademais, os membros do equipo viveirense explicaron aos participantes as normas básicas do regulamento do balonmán e todos os detalles desta disciplina para que comezaran a achegarse a el.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Deportes, José Ramón Soto, estiveron presentes durante o desenvolvemento das xornadas, que resultaron “moi positivas para os cativos e cativas, que se introduciron no mundo do balonmán e se achegaron a este deporte da mellor forma posible, dun xeito divertido e con xogadores e adestradores profesionais como mestres” asegura o edil de Deportes.

As xornadas estiveron organizadas pola Delegación de Deportes do Concello de Cervo coa colaboración de Deporte Galego, a Federación Galega de Balonmán e o Club Balonmán Viveiro, aos que o goberno local agradece “o seu apoio á hora de desenvolver estas actividades” asegura Soto, que “dado o seu papel como potenciador do deporte, tentaremos repetir en futuras ocasións”.

Finais Provinciais Infantís

O desenvolvemento das xornadas coincidiu cos encontros das Finais Provinciais Infantís de Balonmán nas que se enfrontaron o Club Balonmán Viveiro e o Club Acaluba de Lugo. O encontro da Final Infantil Feminina arroxou un resultado favorable ao C.B. Viveiro, de 22-21, sendo a máxima goleadora do partido a xogadora viveirense convocada para a Selección Galega de Balonmán Andrea Amarilla, que marcou os 22 goles do seu equipo,.

En canto á Final Infantil Masculina, o trunfo foi para os viveirenses, que se fixeron coa vitoria despois de acadar un resultado de 21 a 20. Neste caso foi Adrián Ben Montenegro, do C.B. Viveiro, o máximo anotador do encontro, con 9 goles.

Exit mobile version