O VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO ENTREGOU OS PREMIOS DA I COPA DEPUTACIÓN DE FÚTBOL BASE CELEBRADA EN VIVEIRO
21 equipos de categoría infantil competiron neste torneo durante toda a fin de semana, no campo de Cembedo
Antonio Veiga explicou que “desde a área de Deportes da Deputación, seguiremos apostando pola promoción do deporte base con competicións coma esta, que ademais son un gran evento socializador e de convivencia”
Nesta competición participaron un total de 21 equipos, divididos en seis grupos: tres con catro equipos cada un, e tres con tres equipos cada un. Os partidos só tiveron unha parte de 30 minutos, menos a final que se dividiu en dúas partes de 40 minutos cada unha.
O vencedor desta I Copa Deputación de Fútbol Base na categoría infantil foi o Club Deportivo Lugo, quedando de segundo clasificado o Viveiro, de terceiro Escuelas Lucenses, e na cuarta posición o Sarria. Houbo trofeos para os catro primeiros, un vale de material para o campión, así como un agasallo para cada xogador pola súa participación.
O vicepresidente do ente provincial afirmou que “desde a área de Deportes seguirase apoiando o deporte base e propoñendo competicións futbolísticas coma esta, que son un evento socializador e de convivencia para todos os nenos e nenas participantes e as súas familias”.
Hai que salientar que os custes de desprazamento, manutención e aloxamento para aqueles equipos que se desprazaron moitos quilómetros están sufragados pola Deputación de Lugo, ademais de todos os gastos propios da competición como arbitraxes, materiais, etc. Nesta liña, Antonio Veiga puntualizou que “é un aliciente para os equipos saber que teñen todos os gastos cubertos, xa que os equipos que se tiveron que desprazar máis de 15 quilómetros desde a súa orixe ao punto onde se disputa o torneo tiveron sufragados os gastos de desprazamento, así como o aloxamento e a manutención para os equipos que se desprazaron máis de 70 quilómetros. Polo tanto, desde a área de Deporte puxemos todas as facilidades para que participasen o maior número de futbolistas e de clubs”.