A IV ENCONTRO DO EIDO DOURADO MISTURARÁ POESÍA E MÚSICA DE AUTOR O VINDEIRO 30 DE XUÑO. CON ESTE ACTO ABRIRASE A NOVA TEMPADA DESTE ESPAZO ADICADO AO ARTE.
Celso Dourado sinala que “estará ese día con nós a xoven poeta Laura Branco, nada en Foz, que escribe en galego portugués, é unha das grandes promesas na poesía actual galega. Ela nos acompañará no Eido Dourado cun recitado da súa propia poesía”.
A música de autor tamén centrará o acto do 30 de xuño, “estará facendo un grande esforzo, xa que vai viaxar desde A Guarda, desde o outro extremo de Galicia, Tino Baz, que é o gran herdeiro dos cantautores de Galicia cunha voz tremenda e potente. Tamén estarán Mini e Mero, grandes amigos meus. Pero o grande impacto deste Encontro chegará da man de Najla Shami, unha mesosoprano de orixe palestino, que se vai desprazar para estar con nós e mostrarnos o que ela fai”, explica o artista barreirense.
Dourado manifestou que “o formato deste IV Encontro do Eido Dourado será similar ao de anos anteriores. Agardamos que o tempo nos acompañe para desenvolver este acto, que será nos xardíns do Eido Dourado. Haberá outros eventos que iremos contando máis adiante”. E convida “a todos os que queiran estar alí a que acudan porque é un luxazo este cartel o deste 2012”.