Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG anuncia que a Consellería de Educación suprimirá unidades, profesorado e xuntará alumnado e diferentes idades na Mariña

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría actúa de maneira escurantista co obxectivo de suprimir unidades, profesorado e agrupar alumnado de diferentes idades nunha mesma aula nos centros da Mariña

A Xefatura Territorial de Lugo segue sen negociar as previsións para o inicio de curso

Ribadeo a 18 de xuño de 2012.- A CIG- Ensino denuncia que a Consellaría actúa de maneira escurantista co obxectivo de suprimir un importante número de unidades e postos de traballo, e agrupar alumnado de diferentes etapas, cursos e ciclos. A esta altura, a Xefatura Territorial de Lugo, e das demais provincias, continúan sen negociar as pretensións para o inicio do curso, cando existen datos que indican que vai haber numerosas supresións -nomeadamente nas zonas rurais- tanto de centros como de unidades e prazas de profesorado. Así mesmo pretende estender de maneira desorbitada os agrupamentos de alumnado.

A CIG-Ensino ten constancia de que Inspección educativa se dirixiu ás direccións de diferentes centros educativos para promover o agrupamento de alumnado. Cos agrupamentos que procura a Consellaría abundarán as unidades con alumnado de diferentes idades, cursos, ciclos e, mesmamente, etapas, xa que teñen a pretensión de levalas a cabo sempre que non superen os 20 alumnos, e incluso nalgúns casos os 25. Os recortes tamén poden afectar, segundo informou Inspección nalgún centro, aos comedores escolares onde hai menos de 23 usuarios, onde se suprimirían.

As supresións aplicaranse en todos os niveis educativos xa que, en Secundaria, Inspección educativa anunciou que traballa co obxectivo de reducir en moitos centros un 10% os cadros de persoal. Ademais, incrementarase o número de afíns a impartir. Por exemplo, xa se coñece a intención da Consellaría de que o profesorado de Matemáticas imparta Debuxo en 2º de Bacharelato.

Segundo datos que a CIG manexa, a Xunta pretende para Lugo a supresión de unidades e docentes que afectaría a localidades como Abadín, Triacastela, O Páramo ata un número de cando menos, outros 25 centros. Na Mariña seguindo os criterios que quere impoñer a Xunta veríanse afectados centros de ensino como o de Barreiros, Alfoz ou o Vicedo, entre outros moitos.

Para a CIG-Ensino, as instrucións que se trasladan aos centros confirman que a folla de ruta trazada polo PP inclúe a aplicación de novos recortes no ensino público que irán en detrimento da calidade do ensino e do dereito do alumnado a recibir este servizo público en igualdade de oportunidades, algo que desde a CIG seguirase a combater.

Exit mobile version