Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG convoca unha concentración na oficina de Bankia en Burela para protestar polo rescate á banca española

ASUNTO: CONCENTRACIÓN DE DELEGADOS/AS DA CIG DIANTE DA OFICINA BANCARIA DE BANKIA EN PROTESTA POLO RESCATE Á BANCA ESPAÑOLA

DATA: VENRES 15 DE XUÑO ÁS 12:00H EN BURELA

O venres dia 15 de xuño ás 12:00h a Confederación Intersindical Galega levará a cabo unha CONCENTRACIÓN POR MOR DO RESCATE Á BANCA ESPAÑOLA para denunciar o saqueo dos bancos e dos gobernos á clase traballadora; denunciar aos responsábeis da crise; exixir responsabilidades e demandar que o estado non pague a débeda ilexítima, consecuencia da especulación.

Para a CIG o rescate suporá a transferencia da débeda dos bancos ao sector público, porque o Fondo de Estabilidade Europeo a quen lle presta os cartos, realmente, é ao FROB. Isto terá como consecuencia un incremento significativo do déficit e da débeda pública e levará aparellada a exixencia de novas medidas de recorte que empeorarán aínda máis as condicións de vida da clase traballadora, da maioría social, hipotecando, ademais, o futuro da nosa mocidade.

Consideramos que a situación na que se atopa o estado español, non se debe a que houbera moita débeda pública, senón á débeda privada, nomeadamente á que foron contraendo as entidades financeiras españolas con entidades financeiras dos países europeos, fundamentalmente con Alemaña.

Ante esta situación a CIG decidiu promover mobilizacións para denunciar o saqueo dos bancos e dos gobernos á clase traballadora; denunciar aos responsábeis da crise; exixir responsabilidades e demandar que o estado non pague a débeda ilexítima, consecuencia da especulación, mobilizacións dentro das cales se inclúe esta concentración.

Exit mobile version