Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Servizos Sociais de Burela anuncia que o programa de apoio á dependencia voltará en setembro

O XOVES TERÁ LUGAR A ENTREGA DE DIPLOMAS DO PROGRAMA DE APOIO Á DEPENDENCIA DO QUE SE BENEFICIARON 18 PERSOAS DESDE O PASADO MES DE XANEIRO. DIANA DURÁN ANUNCIA QUE DITO PROGRAMA MUNICIPAL, PIONEIRO NA MARIÑA LUGUESA, VOLTARÁ EN SETEMBRO.

Burela, 12 de xuño de 2012. O vindeiro xoves, 14 de xuño, ás 12 horas, terá lugar no Centro de Día de Maiores de Burela a entrega de diplomas do Programa de apoio á dependencia que o Concello de Burela puxo en marcha o pasado 2 de xaneiro do presente ano. A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, asegura que “con este acto queremos recoñecer a participación das persoas beneficiarias, a súa dedicación e o esforzo demostrado durante o seu desenvolvemento. Ademais do citado diploma, tamén lles será entregado un dossier a cada unha das persoas usuarias do programa, para que os leven aos seus domicilios, coa finalidade de que as familias tomen conciencia do impacto positivo producido nos seus maiores, obtendo uns resultados acadados froito do traballo personalizado e grupal”.

Este programa municipal, pioneiro na Mariña lucense, está dirixido ás persoas usuarias do Centro de Día de Maiores e ás persoas beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar Municipal, que en total son 18.

A edil popular sinala que “os obxectivos xerais son proporcionar unha intervención especializada ás persoas usuarias de modo que se contemplen e atendan dun modo integral as súas necesidades específicas, mellorando a súa calidade de vida mediante a promoción da súa autonomía e da aprendizaxe aplicada ao lecer, proporcionándolles así canles de participación social e comunitaria con actividades lúdicas”. E engade que “coma obxectivos específicos contémplase realizar plans de intervención personalizados, creando un espazo de participación e fomentando as relacións, dando sentido ao tempo libre e dinamizando ás persoas usuarias a través de distintas actividades evitando o sedentarismo e incrementando a súa autoestima, creando así ambientes e contornos estimulantes para favorecer a orientación espazo-temporal, estimulando habilidades cognitivas e físicas para manter e potenciar a autonomía, fomentando o sentimento de utilidade, así como a organización e desenvolvemento de horarios e rexistros de actividades diarias”.

O Programa de apoio á dependencia reanudarase despois do verán, segundo anuncia Diana Durán, “dada a boa acollida por parte das persoas usuarias retomarase o programa no mes de setembro para a súa continuidade”.

Exit mobile version