Site icon Crónica3.com A Mariña

A concellería de Servizos Sociais de Burela anuncia un programa de prevención do absentismo escolar

A CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS PON EN MARCHA O PROGRAMA DE PREVENCIÓN DE ABSENTISMO ESCOLAR CON ACTIVIDADES PARA AS FAMILIAS E PARA OS MOZOS E MOZAS CON IDADES COMPRENDIDAS ENTRE OS 16 E OS 24 ANOS. O PRIMEIRO OBRADOIRO DA COMEZO MAÑÁ.

Burela, 11 de xuño de 2012. A Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade reforzará nos meses de verán a educación a través do Programa de prevención de absentismo escolar. Haberá actividades destinadas ás familias e tamén para os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 24 anos.

A concelleira Diana Durán explica que “os obxectivos deste programa son informar ás familias sobre os seus dereitos e obrigacións parentais, previr situacións de absentismo e actitudes familiares que o favorezan, apoiar ás familias e darlles instrumentos cos que motivar aos menores cara os estudios e mellorar o seu interese polas aprendizaxes escolares, promover a colaboración e a participación das familias na escola, mellorar as habilidades sociais dos rapaces e a súa integración no sistema educativo, potenciar a reflexión dos rapaces acerca da súa actitude negativa cara a escola, promover e facilitar técnicas de estudio e repaso co fin de evitar situacións de fracaso académico, potenciar o regreso ao sistema educativo dos rapaces que o abandonaron de forma prematura, etc”.

A responsable de Servizos Sociais sinala que “dito programa supón un dos principais instrumentos de socialización e integración social, sendo ademais un elemento de prevención de determinadas problemáticas ou comportamentos disociais como poden ser as drogodependencias, a delincuencia, o desemprego…”.

Para acadar estes obxectivos realizaranse actividades dirixidas ás familias e actividades dirixidas aos rapaces e rapazas.

Actividades para as familias

-Información e Asesoramento individualizado: durante todo o ano a través do Programa de educación familiar.

-Obradoiros Formativos: os días 12, 14, 19 e 21 de xuño ás 12:30 na Casa do Concello. A temática a tratar será o dereito á educación (lexislación), os deberes e responsabilidades dos pais, habilidades e estratexias motivacionais, a importancia da implicación da familia na escola, causas e consecuencias do absentismo escolar, o fracaso escolar.

Actividades para os/as adolescentes (entre 16 e 24 anos)

-Información e asesoramento individualizado: durante todo o ano a través do Programa de Educación Familiar.

-Obradoiro de Habilidades Sociais: os días 3, 10, 17, 24 e 31 de xullo ás 12:30 horas na Casa do Concello.

-Ciclo de Cine Educativo: os días 5, 12, 19 e 26 de xullo ás 12:00 horas na Casa do Concello.

-Reforzo Educativo: será os días 7, 14, 21 e 28 de agosto, ás 12:30 horas na Casa do Concello.

-Obradoiro de Técnicas de Estudio: tamén en agosto os días 2, 9, 16, 23 e 30 dese mes ás 12:30 horas na Casa do Concello.

Os interesados en obter máis información sobre este Programa de prevención de absentismo escolar poden contactar co departamento de Servizos Sociais do Concello de Burela.

Exit mobile version